Xunta de Galicia

O 112 habilita unha nova aplicación móbil que facilitará localizar a persoas que se atopan en situación de emerxencia

A App, que está operativa desde hoxe, é totalmente gratuíta e xa se pode descargar en Iphone, Android e Blackberry

Vídeo de la presentación de la aplicación 'Alpify'
  • Alfonso Rueda, na presentación da aplicación 'Alpify'
    Autor: Conchi Paz

Santiago, 9 de decembro de 2015.- O Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia ten operativa desde hoxe unha nova aplicación que facilitará a localización de persoas que se atopen en situación de emerxencia.

A aplicación, denominada “Alpify”, é de fácil manexo e basta con premer o botón vermello de “emerxencia” para que envíe un aviso ao 112, que recibe a ubicación da persoa que pide o auxilio, xa sexa en zonas urbanas ou de montaña. No caso de perder a cobertura do móbil, a aplicación envíe unha mensaxe de texto ao 112 e ao mesmo tempo sitúa a emerxencia para o centro coordinador cun rango de erro de entre 3 e 10 metros.

Grazas á App, o CAE 112 poderá localizar con maior precisión a través de GPS cando unha persoa chame ao Centro de Atención ás Emerxencias, poderase localizar a persoas que fosen dadas por desaparecidas; enviar alertas adaptadas á localización onde se atopa a persoa; e ademais, con importantes vantaxes especialmente na procura de persoas maiores con senilidade e para reforzar a seguridade en zonas rurais.

A aplicación permitirá ao usuario conectar directamente co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, desde onde localizarán a súa ubicación e o traxecto realizado nas últimas horas para poder prestarlle así a axuda que necesite.

O emprego desta ferramenta, baseada na tecnoloxía GPS, 4G/3G/GPRS y GSM, permitirá que, no caso de aviso por parte dunha persoa atrapada, accidentada ou perdida, os servizos de emerxencias poidan coñecer exactamente a súa situación ou o percorrido realizado ata chegar ao punto no que se atopa, o que permitirá reducir os tempos de resposta.

“Alpify” pódese descargar gratuitamente desde o propio smartphone en Iphone, Android e Blackberry ou a través da web alpify.com.

O xerente da AXEGA, Juan José Muñoz, presentou hoxe esta aplicación de xeolocalización, nun acto no que tamén participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.

A xestión das emerxencias é unha cuestión de capital importancia,polo que é preciso estar o mellor preparados posibles para cando se produza unha incidencia e para iso estase a traballar no día a día, reforzando os medios dos que se dispoñen e incidindo en todos os frontes, coma a rede de resposta cos parques de bombeiros, o mantemento dos GES, e os voluntarios de Protección Civil, con máis formación e dotándoos dos mellores materiais.

  • whatsapp