Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobou hoxe esta actuación que busca revitalizar este espazo natural e convertelo nunha referencia a nivel de toda Galicia

Feijóo adianta un investimento inicial de 1,2M€ para a inmediata posta en marcha do Plan director do Monte do Gozo

Adianta que o obxectivo é que as obras comecen de inmediato para que este mesmo verán estean rematadas as tres primeiras fases do proxecto

Precisa que a fase I contempla actuacións de limpeza, plantación de especies vexetais, sinalización e mobiliario urbano. A fase II, diversos traballos sobre o Camiño de Santiago; e a fase III prevé rehabilitar a zona do auditorio e das piscinas

Apunta que este plan pretende reformular os grandes equipamentos do Monte do Gozo con dous fins principais: poñer en valor e revitalizar arquitecturas que están en desuso, e dar a coñecer aos peregrinos e á cidadanía en xeral espazos que agora están pechados

Explica que o proxecto inclúe varias fases de intervención en áreas da contorna da chegada ao monte e a capela de San Marcos, o anfiteatro, o Parque Inglés; tamén, nos sistemas de camiños e áreas de sombra, no conxunto edificado para o aloxamento, na rúa das Estrelas ou na zona deportiva
 

Vídeo do presidente da Xunta na rolda de prensa do Consello
  • O titular da Xunta, na rolda de prensa do Consello
    Autor: Ana Varela
  • O titular da Xunta, na rolda de prensa do Consello
    Autor: Ana Varela

Santiago, 16 de decembro de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do Plan director do Monte do Gozo, que contará cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros para revitalizar este parque natural e convertelo nunha referencia a nivel de toda Galicia. Segundo adiantou, o obxectivo é que as obras comecen de inmediato para que este mesmo verán estean rematadas as tres primeiras fases do proxecto.

O titular da Xunta apuntou que este plan pretende reformular os grandes equipamentos do Monte do Gozo con dous fins principais: poñer en valor e revitalizar arquitecturas que están en desuso, e dar a coñecer aos peregrinos e á cidadanía en xeral espazos que agora están pechados.

Fases de actuación
Así, explicou que o proxecto inclúe varias fases de intervención en áreas da contorna da chegada ao monte e a capela de San Marcos, o anfiteatro, o Parque Inglés; tamén, nos sistemas de camiños e áreas de sombra, no conxunto edificado para o aloxamento, na rúa das Estrelas ou na zona deportiva. As tres primeiras fases, dixo, centraranse na relación do Monte do Gozo co Camiño e buscarán recuperar a condición orixinal do parque.

Concretamente, precisou, a fase I suporá un desembolso de 600.000 euros e contempla actuacións de limpeza, plantación de especies vexetais, sinalización e mobiliario urbano. A fase II, recolle diversos traballos sobre o Camiño de Santiago para mellorar a ruta e dotala de novos accesos, cun investimento de 275.000 euros. E, finalmente, a fase III, contará cunha achega de 333.000 euros para rehabilitar a zona do auditorio e das piscinas.

No marco destas primeiras fases, explicou que o plan prevé remodelar a área de chegada, fronte á Capela de San Marcos, para convertela nun lugar de estancia e referencia. E, ademais, definir zonas de encontro e descanso para os peregrinos e o resto de usuarios instalando pequenos muros de pedra, zonas de descanso, merendoiros, tanques de auga e árbores froiteiras.

O parque natural máis grande de Santiago
Feijóo sinalou que o Monte do Gozo é un espazo de enormes potencialidades que abrangue 57 hectáreas, dispón de grandes equipamentos e conta cun fluxo diario moi importante de visitantes, na súa maioría peregrinos. Por iso, salientou a importancia de acometer este plan para mellorar a súa sinalización, a urbanización do espazo e as distintas dotacións de mobiliario coas que conta, posto que se trata do parque de maior dimensión de Santiago e a porta de entrada dos peregrinos a Galicia.

Co plan director aprobado hoxe, dixo, converterase esta zona nun espazo acolledor que se funda co albergue e que suavice a súa presenza como parte integrante fundamental deste parque natural. O obxectivo é devolverlle ao Monte do Gozo a atención que merece e o seu papel relevante na cidade de Santiago de no Camiño de Santiago.

 

  • whatsapp