Xunta de Galicia

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, explicou hoxe en Pontevedra a orde que regula a concesión das axudas vinculadas a este programa

A Xunta creará 150 novas prazas de atención continuada para nenos e nenas de 0 a 3 anos coa posta en marcha das Casas Niño

A Consellería de Política Social impulsa esta medida dirixida a municipios de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia

O obxectivo é crear recursos de conciliación para as familias, así como oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. Asemade, supón un impulso e apoio para fórmulas de autoemprego e economía social
 

  • A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, explicou hoxe en Pontevedra a orde que regula a concesión das axudas vinculadas a este programa

Pontevedra, 26 de maio de 2016.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, deu conta hoxe na cidade do Lérez do programa das Casas Niño nun acto no que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís. Así, explicou que esta é unha iniciativa pioneira impulsada pola Consellería de Política Social que proporcionará 150 novas prazas de atención continuada para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade en municipios de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia. No caso da provincia pontevedresa son seis os concellos potenciais beneficiarios deste programa: Crecente, Dozón, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz e Pazos de Borbén.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Amparo González, sinalou que as Casas Niño son un recurso orientado a atender as necesidades de conciliación das familias e favorecer a igualdade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. Asemade, destacou que esta é a primeira vez que en Galicia se pon en marcha unha acción destas características, a cal está financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A convocatoria que regula a concesión das axudas deste programa, que conta cun orzamento global de 2,5 millóns de euros, pódese consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado luns, día 23; e na mesma fíxase o prazo dun mes a contar a partir do día seguinte da publicación da orde para que as persoas interesadas neste programa presenten as solicitudes.

Ao respecto deste programa, a responsable autonómica de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica detallou que cada Casa Niño atenderá un máximo de 5 nenos/as, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nas casas. Estes fogares ofrecerán unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna de luns a venres e as familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario que se pactará co/a profesional. A atención prestada comprenderá a atención específica das necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa idade e a contribución ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social do neno ou nena.

Formación
Segundo se recolle na convocatoria, poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha Casa Niño as persoas físicas e as cooperativas de traballo asociado que estean en posesión ou conten cunha persoa socia co título de técnico/a superior en educación infantil, co grao en mestre/a de educación infantil ou primaria, grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social. Tamén poderán optar ás axudas aquelas persoas que posúan o diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das Casas Niño impartidos pola Xunta de Galicia, así como aquelas que presenten formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

Por outra banda, quen concorra ás axudas, deberá residir nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade e contar cunha vivenda dotada con sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores; unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección de enchufes, portas e ventás; e un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos. Ademais, deberán dispoñer dun plan de actuación cos nenos e nenas para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na Casa Niño.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva prestando atención, ademais de ao número de nenos e nenas que poderían beneficiarse do recurso, a factores como a dispersión xeográfica e ao envellecemento da poboación para contribuír á revitalización demográfica e á cohesión territorial. Así mesmo, para contribuír á integración laboral de persoas en situación de especial protección, recibirán unha puntuación adicional as persoas paradas de longa duración, as menores de 35 anos e maiores de 55 anos, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% (sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración Autonómica), e as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Subvencións
Esta convocatoria de axudas subvencionará a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de Casa Niño así como o seu equipamento e dotación material e a prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos esixibles, cun límite máximo global por Casa Niño de 15.000 euros. A achega pola prestación da atención personalizada consistirá nunha prima de 19.6000 euros/ano, destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. A convocatoria conta cun orzamento global de 2,5 millóns de euros destinados ao desenvolvemento deste proxecto ata o 31 de decembro de 2019 nun máximo de 30 Casas Niño.

Cómpre destacar que os nenos e nenas que acudan á Casa Niño deberán estar empadroados/as no concello no que se emprace este tipo de fogar, ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de 0 a 3 anos.

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica informou de que con esta actuación preténdese crear recursos de conciliación para as familias e oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. Ademais, se impulsa e apoia as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio. A día de hoxe hai en Galicia 107 concellos potenciais beneficiarios por cumprir os requisitos anteriormente mencionados, dos que seis emprázanse na provincia de Pontevedra.
 

  • whatsapp