Contexto legal e antecedentes históricos
  • whatsapp whatsapp

O Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia, sinala que nunha sociedade na que factores como o auxe da comunicación e a identificación visual converteron a imaxe nun referente de primeira orde, a Xunta de Galicia non pode permanecer allea a esta realidade e, polo tanto, persegue nas súas prioridades a dotación de instrumentos que reafirmen a súa identidade e faciliten a súa identificación polos cidadáns. Estímase que a imaxe corporativa implantada en 1985 foi revelando problemas de lexibilidade inherentes á súa propia construción formal, que aconsellan unha nova formulación da devandita imaxe corporativa.

Ao longo dos máis de 10 anos transcorridos dende a aprobación deste decreto, a nova imaxe oficial da Xunta de Galicia foi implementada, acollida e asumida con éxito pola cidadanía, de xeito que na actualidade goza dun altísimo recoñecemento entre a poboación galega.

Sen embargo, esta mesma implementación do símbolo e do logotipo revelou algunhas deficiencias derivadas fundamentalmente da diversidade de entes e organismos que integran o sector público autonómico. A multiplicidade de logotipos representativos da administración autonómica xerados neste período está a producir confusión e falla de identificación, non ofrecendo así unha visión homoxénea na súa proxección exterior, nas súas manifestacións externas e na súa relación cos cidadáns.

No marco dun programa de imaxe institucional que aspira a mellorar e unificar a proxección exterior da Xunta de Galicia, aprobouse o Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG no 227, do 19 de novembro de 2009), polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, co obxecto de estandarizar o uso da imaxe gráfica para que actúe como un elemento de cohesión, moderno e homoxéneo, de doado recoñecemento tanto para a cidadanía como para o resto de institucións.