Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 1999

Medallas de Ouro 1999

Paulo Coelho

Río de Janeiro, 1947

Escritor brasileño

Nace no seo dunha familia burguesa, iniciando os seus estudos nun colexio xesuíta.

Comeza a carreira de Dereito, que abandona para unirse ao movemento hippie, viaxando en 1970 por Centro América, Europa e África.

Iníciase como letrista para grandes nomes da música brasileira como Elis Regina, Maria Bethania ou Raúl Seixas.

Exerce como director artístico para as compañías musicais CBS e Polygram, como escritor de guións para O Globo TV e como redactor e articulista para medios de todo o mundo, publicando diariamente unha columna, Maktub, nos tres xornais de maior difusión de Brasil.

1986 é o ano crucial para a súa carreira literaria. Percorre o Camiño de Santiago, que o inspira para escribir e publicar O Peregrino a Compostela (Diario dun mago), ao que segue en 1988 O Alquimista, un relato iniciático que o lanza á fama internacional.

Cunha ducia de obras publicadas, entre poesía, novelas e recompilacións, traducidas a 69 idiomas, das que se venderon máis de 21 millóns de exemplares en 150 países, Paulo Coelho concita por igual eloxios e críticas polo seu estilo realista, sinxelo, en que mestura trazos autobiográficos, coa inspiración mística. Fixéronse numerosas adaptacións da súa obra para o cine, musicais, óperas, teatro, cómics…

Coelho é asesor especial da UNESCO e mantén unha institución sen ánimo de lucro, para financiar persoas maiores e coidar e educar nenos de favelas.

Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, foi recoñecido con diversas distincións, como a de Cabaleiro das Artes e as Letras Francesas, ou o Crystal Award, concedido polo Foro Económico Mundial.

Cardeal Ángelo Sodano

Ísola d’Asti - Italia, 1927

Cardeal italiano

Fillo dun deputado do Parlamento italiano, inicia a súa formación no seminario de Asti, para despois continuar en diversos centros pontificios de Roma.

Ordénase sacerdote en 1950 e exerce na súa su diocese natal.

Posteriormente é secretario das nunciaturas en Ecuador, O Uruguai e Chile. Nomeado capelán do Papa en 1963 e oficial no Consello para Asuntos Públicos da Igrexa, en 1977 é elixido arcebispo de Nova di Cesare e nomeado Nuncio do Vaticano en Chile, onde permanece máis de 10 anos.

Tras a reordenación da Curia Romana, ocupa diversos postos vinculados ás relacións exteriores da Santa Sede.

En 1991 é designado cardeal, ao tempo que é nomeado secretario de estado.

Desenvolve unha intensa actividade como enviado especial do Papa ou Legado Pontificio en multitude de lugares, actos e encontros, civís e relixiosos, desde a Expo de Sevilla de 1992, ata os funerais de Teresa de Calcuta ou de Ronald Reagan, pasando por diversas reunións episcopais, encontros da xuventude de varios continentes ou asembleas sinodais.

Tras a morte de Xoán Paulo II, é reelixido para o posto, en que permanece ata setembro de 2006.

Decano do Colexio de Cardeais, recibe a Medalla de Ouro de Galicia polo apoio do Papa ao Ano Santo Compostelán de 1999.

Príncipe Fra'Andrew Willoughby Ninian Bertie

Londres, 1929 – Roma, 2008

78º Príncipe e Grande Mestre da Soberana Orde Militar de Malta

Cursa estudos no Ampleforth College, a Christ Church Oxford e a Escola de Estudos Orientais e Africanos da Universidade de Londres.

Tras realizar o servizo militar na Garda Escocesa, traballa como xornalista financeiro na City londiniense antes de asumir o posto de catedrático de Linguas Modernas (francés e español) na Worth School, en Sussex.

É admitido na Soberana Orde de Malta en 1956, da que é elixido Grande Mestre en 1988. Fundada en Xerusalén, cara ao ano 1048, co dobre obxectivo de defender a fe cristiá e servir aos pobres, a Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, de Rodas e de Malta, conta con máis de 10.000 cabaleiros, entre eles o Rei Xoán Carlos I, e está presente en 120 países.

Andrew Willoughby é o segundo inglés, en 900 anos, que ocupa o posto de Grande Mestre. Durante o seu mandato instaura unha visión moderna nos programas humanitarios da Orde, aumenta o número de membros, amplía as posibilidades de axuda a necesitados de áreas remotas e moderniza as estruturas e a administración interna.

Andrew Willoughby, ademais da Medalla de Ouro de Galicia, recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Path to Peace, o Colar da Orde Piano da Santa Sede, e os doutoramentos honoris causa das universidades de Bolonia, Malta, Santo Domingo, Saint John’s e Católica de Bolivia.

Miguel Ángel Rodríguez Echeverría

San José-Costa Rica, 1940

Presidente da República de Costa Rica

Nacido nunha familia con poucos recursos, Miguel Ángel Rodríguez obtén na Universidade de Costa Rica as licenciaturas de Dereito, Ciencias Sociais e Economía. Realiza os estudos de posgraduado e o doutoramento na universidade californiana de Berkeley.

Estivo ligado á docencia durante toda a súa vida, impartindo clases no ámbito da economía en Costa Rica, na Universidade Autónoma de Centro América e na George Washington University.

Próspero produtor agroindustrial, participa e preside diversas empresas e asociacións do sector, fundando en 1970 o Grupo Gandeiro Nacional.

A súa primeira incursión na administración política prodúcese a partir de 1966, cando desenvolve, antes de facer os 30 anos, dous ministerios económicos e a presidencia do Banco Central de Costa Rica.

Non obstante, non é ata 1990 cando obtén o seu primeiro cargo por votación popular, como deputado da Asemblea Lexislativa.

Tras un primeiro intento errado, consegue a presidencia en 1998, como candidato do Partido Unidade Social Cristiá (PUSC).

Nos seus catro anos de mandato concéntrase en mellorar o crecemento económico, baixar a inflación e ampliar o comercio, aínda que a oposición social o fai renunciar a boa parte do seu programa privatizador. Impulsa leis para garantir o dereito dos nenos e nenas nacidos fóra do matrimonio a contar co apelido e respaldo do seu pai.

Miguel Ángel Rodríguez ten publicados numerosos libros sobre temática xurídica, política, social e económica. Ten o doutoramento honoris causa da Universidade George Washington.

Esperidião Amin Helou Filho

Florianópole - Brasil, 1947

Gobernador do Estado de Santa Catarina (Brasil)

De pai libanés e nai italiana, Esperidião Amin edúcase nun colexio xesuíta de São Paulo, para despois recibir formación universitaria en Administración e en Dereito en Florianópole, capital do Estado de Santa Catarina.

Dedicado sempre á administración pública, tivo unha intensa vida política, chea de éxitos e de derrotas.

Presidente nacional do Partido Progresista, antigo PDS, foi dúas veces senador, outras dúas alcalde de Florianópole e outras tantas gobernador do Estado de Santa Catarina.

No sentido contrario, foi candidato derrotado nunhas eleccións presidenciais, unhas municipais e dúas estatais. En 2010, tras oito anos sen ocupar ningunha responsabilidade pública, é elixido deputado para o parlamento federal.

Profesor na Universidade Federal de Santa Catarina, nos últimos anos centrou os seus estudos na utilización de indicadores de sustentación ambiental nas administracións públicas.
 

Mario Covas

Santos- Brasil, 1930 – São Paulo, 2001

Gobernador do Estado de São Paulo

De pai portugués e nai galega, Mario Covas Junior estuda Química Industrial e Enxeñaría Civil.

Xa nos anos 50, en plena época universitaria, desenvolve un intenso activismo político, e chega a ser vicepresidente da Unión Nacional de Estudantes (UNE).

En 1962 é elixido deputado federal por primeira vez. Funda o Movemento Democrático Brasileiro e posteriormente o Partido da Social Democracia Brasileira.

Durante 10 anos, desde 1969, ve suspendidos os seus dereitos políticos e refúxiase no exercicio da súa profesión de enxeñeiro.

Unha vez recuperada a democracia é alcalde de São Paulo, tempo que dedica á redución das diferenzas sociais, con medidas pioneiras como o pase libre no transporte público para as persoas maiores.

Posteriormente é elixido senador, e despois Gobernador do Estado de São Paulo por dúas veces, 1994 e 1998.

O reequilibrio das finanzas públicas e dos orzamentos que Covas logra no seu Estado, é unha das claves do éxito do Plan Real impulsado polo goberno federal brasileiro, que achegou estabilidade económica ao país.

Grande orador, foi un dos responsables de asegurar a participación de todos os sectores sociais organizados na redacción da Constitución brasileira.

Medallas de Prata 1999

Conde Carlo Marullio di Condojanni
Ángela Regina Heinzen Amin Helou
Comunidade Benedictina do Mosteiro New Norcia (Australia)
Jesús Alonso Fernández
Asociación ASPRONAGA
Eduardo Barreiros Rodríguez (a título póstumo)
José Aser Castillo Pereira
Fernando Díez Moreno
Belarmino Fernández Iglesias
Pablo Fuenteseca Díaz
Gerardo García Campos (a título póstumo)
Emilio García Gallego
José María Gil-Robles y Gil-Delgado
José Nelson González Rodríguez (Nelson Zumel)
Grupo LOSAN
Guardia de Honor del Tercio de Gallegos de Buenos Aires (República Argentina)
Luis Gregorio Ramos Misioné
Jeannine Warcollier

Medallas de Bronce 1999

Manuel Antas Fraga
Asociación de Restaurantes Galegos Lareira Grupo Gastronómico
Eduardo Díaz Cabana
Andrés Manuel Díaz Díaz
Ovidio Fernández Ojea
Horacio Fernández Presa
Manuel Jamardo Casal
Albino Mallo Álvarez
Julio Martínez González
Felisa Moreno Sierra
Ángel Padín Panizo
Francisco Moisés Rivera Casas
Ramiro Vieito Vilas
Manuel Vilariño Valiño

Discursos