Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2006

Medallas de Ouro 2006

Real Academia Galega

Institución científica de estudo e promoción da cultura e lingua galegas

En 1895, Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales, promotor do Estatuto de Galicia durante a I República, impulsan a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, que non chega a bo porto.

Non é ata 1905, co apoio económico da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, creada na Habana, e o aval do prestixio intelectual de Manuel Murguía, que se crea na Coruña a Real Academia Galega (RAG).

A súa primeira etapa, presidida ata 1923 por Murguía, caracterízase pola realización de numerosos actos por toda Galicia, a publicación por entregas dun dicionario galego e o inicio da publicación do Boletín da Academia Galega. Os anos posteriores están marcados pola inestabilidade, tras a prematura morte do novo presidente, Andrés Martínez Salazar; e a semiclandestinidade posterior á Guerra Civil.

Non é ata a incorporación dos intelectuais agrupados arredor da Editorial Galaxia, que a RAG toma un novo impulso, que se concreta en 1963 coa posta en marcha do Día das letras galegas, que se converte en elemento dinamizador da cultura e literatura de Galicia.

Xa en democracia, coa presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), fírmase o Acordo Ortográfico, co Instituto da Lingua Galega, polo que se fixan as normas ortográficas e morfolóxicas do galego; recoñécese a RAG na Lei de Normalización Lingüística e créanse os seminarios de lexicografía e sociolingüística.

Coa entrada no século XXI dáse un grande empurre á informatización dos fondos documentais da institución.

Discursos