Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2011

Medallas de Ouro 2011

Ángel María Carracedo Álvarez

Santa Comba-A Coruña, 1955

Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago

Licenciado e Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago, en ambos os casos con premio extraordinario, é un dos científicos galegos con máis repercusión internacional.

Exerce desde 1977 a docencia na universidade compostelá.

Desde 1994 dirixe o Instituto de Medicina Legal de Santiago e actualmente tamén está á fronte da Fundación Galega de Medicina Xenómica e coordina o grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela, integrado por case un centenar de persoas dunha ducia de países.

Vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal, o seu traballo é pioneiro na aplicación da xenética na detección de enfermidades como o cancro, na farmacoxenética e na medicina forense, onde introduciu novas tecnoloxías para a identificación mediante a xenética molecular.

Foi requirido, xunto aos seus colaboradores, para máis de 3.000 informes periciais forenses en todo o mundo, desde casos como o do crime de Alcáser, ata atentados terroristas como o do 11-M, ou grandes traxedias como o tsunami do sueste asiático.

No ámbito asistencial, a través da Fundación Galega de Medicina Xenómica, realiza anualmente miles de probas para a detección de enfermidades raras, mediante tecnoloxías propias e unha batería de polo menos 30 test que non se practican en ningunha outra parte do mundo.

Publicou 10 libros e máis de 340 artigos nas revistas científicas de maior prestixio mundial, como Nature, Science e Nature Genetics. Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, o seu labor foi recoñecido, entre outras distincións, coa Medalla Galien (o premio Nobel dos medicamentos), o Premio Xaime I ou a Cruz ao Mérito Policial.

Instituto da Lingua Galega

Institución cultural galega

A creación do Instituto da Lingua Galega (ILG) dáse a coñecer publicamente o 14 de maio de 1971, con motivo da presentación en rolda de prensa de O Galego 1, o primeiro método de ensino do galego, en que aparece como autor do libro.

O ILG nace como centro de investigación dedicado ao estudo e promoción da lingua galega no seo da Universidade de Santiago de Compostela, feito que o converte no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.

O 26 de xullo de 1971 apróbanse os primeiros estatutos e constitúese o Padroado do Instituto da Lingua Galega, onde ademais do reitor e os representantes universitarios composteláns, están presentes algunhas das principais institucións e fundacións culturais do galeguismo, como a Fundación Penzol, a Real Academia Galega ou a Fundación Pedro Barrié-Conde de Fenosa. Constantino García, Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela foi elixido como o primeiro director.

A continuación veu a publicación do manual Lecturas Galegas 1, a revista Verba, o Anuario galego de filoloxía, grandes obras como o Atlas Lingüístico Galego, ou as Bases e as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, o Inventario Toponímico da Galicia Medieval, o deseño do curso interactivo é-galego, ou a colaboración co Arquivo Sonoro de Galicia.

Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, o Instituto da Lingua Galega foi recoñecido, entre outras distincións, co premio Ossian, outorgado pola fundación xermana FVH a persoas ou institucións destacadas pola súa atención ás linguas e comunidades minoritarias de Europa.

Discursos