Monumenta desembarca no castelo de San Felipe para se mergullar no patrimonio marítimo de Ferrol

A xornada inaugural deste ciclo da Secretaría Xeral de Cultura propón esta fin de semana unha ruta en barco para coñecer a arquitectura defensiva, a riqueza cultural dos portos e a hidrotoponimia da zona

As prazas para participar na actividade xa están cubertas
 

Ferrol, 26 de xullo de 2016
  • whatsapp whatsapp

O ciclo ‘Monumenta. Andar con arte’, da Consellería de Cultura e Educación, desembarcará esta fin de semana no castelo de San Felipe para se mergullar no patrimonio marítimo de Ferrol. O sábado 30 de xullo, a partir das 10:00 horas, dará comezo a xornada inaugural do ciclo, cun percorrido en barco polo contorno privilexiado da ría ferrolá que terá como destino unha visita ás instalacións da fortaleza.

A programación desta primeira xornada foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que explicou como “o ciclo foi evolucionando nestas catro edicións arredor do patrimonio cultural, para enfocarse cada vez máis cara a un coñecemento do patrimonio vivido desde a tranquilidade de andar a pé, e que derivou nesta epígrafe identificativa da edición deste ano: “Andar con arte”.

Vivir o patrimonio


Nunha rolda de prensa co alcalde de Ferrol, Jorge Juan Suárez; coa responsable municipal da área de Patrimonio, Rosa Méndez; e con Manuel Estévez, de Van Divulgación, Anxo Lorenzo precisou que a Secretaría Xeral de Cultura vén desenvolvendo esta programación “cunha idea de facilitar rutas culturais por Galicia dun modo pausado, compartido e acompañado de voces especialistas que nos abren os ollos aos aspectos máis diversos”. “É unha proposta, polo tanto, de explorar desde o camiñar, que é probablemente a maneira máis elemental de vivir o propio territorio e tamén a que ofrece o ritmo axeitado para gozar das descubertas de igrexas, de muíños, de castros, de vías romanas ou de arquitectura defensiva, integradas na paisaxe, sexa rural, sexa urbana, como é o caso”, afirmou.

Esta proposta inaugural de Monumenta arredor do castelo de San Felipe, que dará comezo ás 10:00 horas e para a que xa están todas as prazas cubertas, combinará a camiñada coa navegación, xa que a entrada no castelo se realizará a través da súa chegada natural por mar, hoxe en desuso. Nese percorrido, os participantes estarán en disposición de percibir por que a ría foi elixida como lugar de asentamento desde o tempo dos castrexos e como a fortaleza, na bocana da ría, protexe o territorio conforme aos usos do século XVI, no que se ergueron estas construcións.

Para estas explicacións o ciclo contará con voces especialistas. Neste caso, serán a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Rebeca Blanco e o arqueólogo ferrolán Xaquín Ferrer, que conta cunha ampla experiencia en escavacións e restauracións por toda Galicia.

Rutas culturais a pé polas catro provincias


‘Monumenta. Andar con arte’ celebra do 30 de xullo ao 27 de agosto a súa cuarta edición con diversas rutas polas catro provincias galegas para a descuberta de igrexas, muíños, castros vías romanas etc., que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística. Coñecer a pé a riqueza patrimonial de Galicia, desde unha perspectiva histórica, artística, paisaxística e cultural, é o principal obxectivo do ciclo, que contará coa participación de convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte para axudar a entender outras particularidades e valores dos diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial de Galicia.

O patrimonio industrial dos vales do Ulla-Imia, a xeoloxía da Ribeira Sacra, o itinerario romano da Vía Nova ao seu paso polos concellos ourensáns de Rairiz de Veiga e de Bande, as salinas do Ulló, no concello pontevedrés de Vilaboa e o patrimonio renacentista de Monforte de Lemos son algunhas das propostas da cuarta edición de Monumenta, que se poden consultar en www.cultura.gal e https://galiciamonumenta.wordpress.com.

Actividades con inscrición previa


Algunhas das actividades do ciclo Monumenta requiren inscrición previa nun prazo determinado e o pago da entrada nalgúns edificios privados será por conta dos participantes.

Documentos relacionados
Data de actualización: 26/07/2016