O 112 Galicia pecha o ano 2016 cun balance de máis de 220.000 incidencias xestionadas e máis de 1.100.000 chamadas atendidas

O Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia atendeu unhas 20.000 incidencias máis que en 2015

Destaca o número de avisos recibidos pola aparición de niños de avespa velutina

As chamadas maliciosas decreceron un cinco por cento respecto ao ano pasado
 

  • whatsapp

Santiago, 24 de xaneiro de 2017.- O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia, pertencente á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolveu 221.025 incidencias en 2016 mediante a mobilización dos recursos de emerxencias en 397.182 ocasións.

Segundo informaron hoxe en rolda de prensa o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o xerente da Axega, Juan José Muñoz, o CAE 112 Galicia atendeu 1.100.272 de chamadas no pasado exercicio. Delas, o 20 por cento derivaron en situacións de urxencia que precisaron, na maior parte dos casos, da asistencia sanitaria e da intervención das forzas da orde e dos servizos de rescate e extinción de incendios. Das intervencións, cómpre salientar as incidencias relacionadas coa presenza de animais, en especial, pola aparición de avespas velutinas, sobre as que foron atendidas 13.054 incidencias.

Do total de incidencias xestionadas polo 112 Galicia, o 34 por cento estiveron relacionadas con incendios urbanos e industriais, rescates, fugas de gas, derrames e verteduras de substancias, a activación de plans especiais de protección civil e outros operativos; o 28 por cento coa atención sanitaria; o 16 por cento coa atención de incidencias pola presenza de enxames, animais feridos ou en vías; o 13 por cento coa seguridade cidadá e o nove por cento restante con accidentes en estradas, laborais, ferroviarios e marítimos.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra suman o 75 por cento do total da incidencias, mentres que Lugo e Ourense supoñen só o 25. Os concellos da franxa atlántica, especialmente os das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, son os que concentraron o maior número de incidencias. Se se atende á xestión das incidencias por concellos, o de Vigo foi onde se contabilizou un maior número de intervencións, 19.308, seguido do da Coruña, onde foron xestionadas 12.920 incidencias no 2016.

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias empregou os drons ata en sete ocasións durante o 2016 para a busca de persoas desaparecidas. As aeronaves non tripuladas sumáronse aos recursos utilizados nos operativos de busca activados, por exemplo, en Ferrol, Carnota, Vedra, Monfero, Chantada, A Guarda e mesmo na beira portuguesa do Río Miño.

Tamén, o GALI achegou recursos para paliar os efectos provocados polas inundacións a principios da ano en Cuntis, Ponteceso e Redondela e, a finais do mes de marzo, en Carballo e Sada.


Redúcense as chamadas “maliciosas”
As chamadas “maliciosas” continúan decrecendo. Con respecto ao pasado ano, no 2016 rexistrouse un 5 por cento menos de chamadas que se realizan ao 112 Galicia cun fin distinto ao de informar dun accidente ou situación de grave risco.

Este tipo de chamadas reciben un tratamento específico que permite reducir o fluxo e diferenciar entre falsas alarmas intencionadas, reincidentes e menores.

Máis de 18.000 novos usuarios de Alpify
Un total de 18.260 persoas descargaron a aplicación Alpify durante o ano 2016. Dende que o servizo comezou a prestarse, en decembro de 2015, súmanse xa 24.821 usuarios que teñen instalada esta aplicación nos seus teléfonos móbiles.

Os usuarios empregaron a aplicación 88.046 veces, mentres que o CAE 112 Galicia recibiu 1.659 alertas a través de Alpify.

Grao de satisfacción dos usuarios
Mensualmente, o departamento de Calidade do CAE 112 Galicia enquisa a usuarios do servizo para coñecer o seu grao de satisfacción. O 94 por cento das persoas consultadas consideran que a resposta á súa chamada ao 112 Galicia foi rápida e o trato recibido polos xestores cordial e dilixente. Igualmente, cualifican o servizo de emerxencias como útil e necesario.

168 simulacros
En 2016, o 112 colaborou en 168 ocasións. A maior parte dos exercicios realizáronse en centros educativos co obxectivo de pór a proba o funcionamento dos seus plans de autoprotección.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/01/2017