A Xunta inviste 4 millóns de euros para impulsar a competitividade e o crecemento da economía social en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dous programas de apoio ás empresas do sector que na Comunidade aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas

Aprol Economía Social, dotado con máis 2,5 millóns, un 8,2% máis que en 2016, fomenta o emprego apoiando a incorporación de novos socios nas cooperativas e sociedades laborais podendo beneficiarse 135 entidades e máis de 200 persoas

As axudas para as entidades colaboradoras da Rede Eusumo, con máis dun millón de euros, promoven a consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais e apoian actividades de fomento da Economía Social

O Goberno galego destina este ano á Economía Social, 18 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,3%

A iniciativa enmárcase na Axenda 20 coa que se está impulsando o emprego de calidade e que prevé a creación de 500 novas entidades de Economía Social
 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dous programas de axudas, que suman preto de 4 millóns de euros, para impulsar a competitividade e o crecemento da economía social en Galicia.

O programa Aprol Economía Social, dunha banda, busca con 2,5 millóns de euros fomentar o emprego nestas entidades. O orzamento crece con respecto a 2016 nun 8,2%. Por outro lado, as axudas para o asesoramento e formación a través da Rede Eusumo contan cun investimento de máis dun millón de euros.

Aprol Economía Social fomenta con axudas máximas de 82.000 euros o emprego e a mellora da competitividade nas entidades de economía social. Inclúe catro programas diferentes: incentivos para que as cooperativas e sociedades laborais incorporen novos socios; apoio aos desempregados para que formen destas entidades; impulso de proxectos empresariais colectivos; e apoio ás empresas que levan a cabo proxectos de integración, como a fusión ou constitución dunha cooperativa de segundo grao ou de colaboración con outras entidades de economía social para proxectos de I+D+i, comercialización ou internacionalización.

Desta liña de axudas estímase que se poderán beneficiar 135 entidades que inicien a súa actividade, emprendan novos proxectos ou amplíen o seu número de socios e máis de 200 persoas que poderán atopar emprego a través dunha cooperativa ou sociedade laboral. Como novidade este ano, increméntanse as contías base para apoiar a incorporación de novos socios de 5.500 a 6.000 euros e as destinadas aos socios para a achega do capital social de 3.000 a 6.000 euros.

Rede Eusumo

Doutra banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis dun millón de euros para o asesoramento, difusión e formación do emprendemento a través da Rede Eusumo que conta na actualidade con 168 entidades adheridas e 14 viveiros de empresas.

Son tres programas de axudas, que poden chegar aos 170.000 euros para fomentar a consolidación das asociacións cooperativas; apoiar aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marca desta Rede. Estímase que se poderán beneficiar 2.000 persoas e 465 entidades.

A través da Rede Eusumo, creada polo Goberno galego en 2012, xeráronse xa 450 empregos directos. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta para fomentar o cooperativismo e a Economía Social, coa que se pretende promover o espírito emprendedor, prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na Economía Social.

Apoio aos máis vulnerables

Entre as novidades está que se incrementan nun 25% as axudas para os colectivos máis vulnerables, entre os que se encontran mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, unidades familiares con todos os membros desempregados, cooperativas xuvenís, así como concellos do ámbito rural. Ademais, nas dúas liñas de apoio, terase en conta o peso do emprego feminino no cadro de persoal das empresas. Tamén valorarase a estabilidade no emprego.

Estes dous programas de axudas súmanse ao Fondo de Economía Social (FES), dotado con 5 millóns de euros, que a Xunta pon a disposición destas entidades para apoialas financeiramente.

Os dous programas de axudas forman parte do orzamento global que o Goberno galego destina este ano á Economía Social que ascende a 18 millóns de euros, un 11,3% máis que en 2016, e se enmarca na Axenda 20 para o Emprego que está a impulsar o traballo de calidade en Galicia e prevé a creación de 500 novas entidades de Economía Social. Esta medida tamén forma parte da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020 coa que se quere potenciar a competitividade e internacionalización do sector.

Data de actualización: 17/02/2017