A Xunta colabora coa industria de áridos naturais nun estudo que aposta por reutilizar o material de escavacións e construcións

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe en Lugo a explotación mineira Bertita, onde se presentou este informe elaborado pola Asociación Galega de Áridos (Arigal)

Destacou a importancia do reciclado e a valorización de materiais por parte do sector para alargar a vida útil dos áridos e minimizar a explotación dos recursos naturais

Lugo, 16 de febreiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe a explotación mineira Bertita, en Lugo, onde presentou, xunto á Asociación Galega de Áridos (Arigal), un estudo que conclúe que o sector debe apostar pola valorización dos materiais de escavación e de residuos procedentes de construción e demolición que se encontren libres de impurezas.

Durante a súa intervención, Bernardo Tahoces destacou a importancia da reutilización de materiais porque, ademais de alargar a vida útil do produto árido, contribúe a minimizar a explotación dos recursos naturais. Neste sentido, as conclusións do Estudo sobre as sinerxías entre a produción de áridos e o tratamento de residuos de construción e demolición e materiais de escavación enmárcanse dentro das directrices fixadas pola Unión Europea e polo Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos 2016-2022 para fomentar o reciclado e todas as operacións que impliquen á valorización de materiais.

O informe elaborado por Arigal coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria analizou as distintas posibilidades de emprego de residuos de construción e demolición e dos materiais procedentes de escavacións para a produción de áridos reciclados. Durante o traballo de campo, avaliáronse tanto as plantas de valorización deste tipo de residuos -Galicia conta con 50 xestores autorizados, aos que se suman 32 máis que poden procesar residuos perigosos- como a posible adaptación das instalacións de fabricación para producir material reciclado que sexa compatible coa produción de áridos naturais.

O director xeral de Enerxía e Minas sinalou que as conclusións do estudo, que certifican que os áridos naturais deben ser o sector principal de valorización das terras de escavación e dos residuos de construción e demolición, amosan as novas oportunidades que se abren para Arigal. Neste sentido, durante a súa visita á mina Bertita, explotada por Prebetong Áridos, Bernardo Tahoces destacou que, no caso da valoración de zonas escavadas, existe unha segunda vantaxe, posto que se poderán recuperar tamén os espazos que foron alterados polas explotacións mineiras.

Arigal, fundada en 1999, aglutina 62 empresas que producen 7 millóns de toneladas, facturan ao redor de 37 millóns de euros, e contan con máis de 70 centros de traballo, o que se traduce en 800 empregos directos e máis de 2.000 indirectos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2017