Galicia traballa por seguir sendo unha das comunidades que pagan con maior axilidade aos provedores e reducirá o tempo de pago a unha media de dez días

O vicepresidente da Xunta afirma que a Administración autonómica atende con normalidade aos seus 17.600 provedores, cos que só o ano pasado abonou máis de 609.000 facturas por importe de 3.054 millóns de euros

Di que pagar con axilidade aos provedores permite atender aqueles que máis precisan de liquidez; axilizar ao máximo o tempo de pago; e seguir apostando pola factura electrónica, en cuxa implantación a Xunta foi pioneira

Destaca que en 2016 o 78% das facturas recibíronse a través do sistema electrónico, máis do dobre que o ano anterior

Avanza melloras no sistema de pago como a axilización da tramitación interna das facturas; a posta en marcha dun sistema de alertas; o rexeitamento inmediato das facturas incorrectas; ou a simplificación dos informes de seguimento

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2017
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que o Goberno galego vai seguir traballando por que Galicia sexa unha das comunidades de réxime común que paga con maior axilidade aos seus provedores e cumprirá o obxectivo de reducir o tempo de pago a unha media de dez días, é dicir, á metade do que o fixo o pasado ano.

Como lembrou o vicepresidente da Xunta, na actualidade Galicia é a terceira comunidade de réxime común que paga con maior axilidade aos seus provedores e o período medio de pago en 2016 baixou aos 21 días. Isto significa que a Administración autonómica atende con normalidade os seus 17.600 provedores, cos que só o ano pasado abonou máis de 609.000 facturas por importe de 3.054 millóns de euros.

Segundo Rueda, isto permite cumprir con tres obxectivos: atender a aqueles que máis precisan de liquidez, priorizando aos pequenos provedores, empresarios autónomos, pequenas e medianas empresas e entidades sociais; axilizar ao máximo o tempo de pago; e seguir apostando pola factura electrónica, en cuxa implantación a Xunta foi pioneira.

Con respecto a isto, o vicepresidente da Xunta fixo fincapé en que en 2016 o 78% das facturas recibíronse a través do sistema electrónico, máis do dobre que o ano anterior. Non en van, os provedores rexistrados no sistema de facturación electrónica multiplicáronse por 8 desde o ano 2010, pasando de ser 2.196 aos 17.618.

Con todo, Rueda asegurou que, pese a que o Goberno galego pode sentirse satisfeito de estar pagando aos seus provedores a un nivel razoable, non se conforma e quere seguir esforzándose neste eido. Así, introducirá melloras no sistema de pago como a axilización da tramitación interna das facturas; a posta en marcha dun sistema de alertas; o rexeitamento inmediato das facturas incorrectas; ou a simplificación dos informes de seguimento.

En definitiva, Galicia quere seguir estando entre as comunidades que mellor pagan aos seus provedores e facelo nunha media de dez días, compatibilizándoo co control do déficit e co mantemento dos servizos públicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2017