Comezan as obras de mellora dos espazos públicos na contorna da capela de Escornabois, en Trasmiras

Esta actuación, que conta cun orzamento de máis de 150.000 euros, consistirá na instalación dun novo pavimento e alumeado público e a dotación de mobiliario urbano destinado á práctica de exercicios saudables

Os traballos inscríbense no Plan Hurbe cuxo fin é humanizar as vilas galegas, favorecer a cooperación entre a Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial

Trasmiras (Ourense), 20 de febreiro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de iniciar as obras de remodelación da contorna da Capela de Escornabois, en Trasmiras. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 150.000 euros e suporá a mellora do pavimento, o acondicionamento do parque infantil e a instalación de alumeado público e mobiliario destinado á práctica de exercicios saudables.

Estas obras enmárcanse dentro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Trasmiras ao abeiro do Plan hUrbe, que foi posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2010 e no que xa leva investidos 123 millóns de euros. Este esforzo inversor materialízase nun total de 157 actuacións en 114 concellos, incluídas as obras a executar no 2017, nas que se investirán preto de 10 millóns de euros no marco deste Plan.

O Plan hUrbe persegue un triplo obxectivo que é fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación, como son a humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.
 

Data de actualización: 20/02/2017