Os conselleiros de Mar e Sanidade visitaron as instalacións do Intecmar e asinaron un acordo de colaboración entre ambos departamentos
O Intecmar e a Consellería de Sanidade suman esforzos para analizar as biotoxinas mariñas nos moluscos

Rosa Quintana destacou a importancia que supón este acordo para o instituto de Vilaxoán, xa que contempla actuacións que axudan a mellorar a protección da poboación fronte aos riscos asociados ao consumo de moluscos bivalvos, como poden ser as toxinas

Ambos conselleiros reiteraron a aposta da Xunta por seguir fomentando a cooperación recíproca na obtención de datos para a protección da saúde pública, o que redunda en beneficio para a cidadanía
 

Vilagarcía, 24 de agosto de 2016
  • whatsapp whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá un acordo de colaboración e coordinación entre ambos departamentos para realizar análises de toxinas mariñas. O acordo tamén ten por obxecto acadar a máxima colaboración para a transmisión bidireccional da información con respecto a outros contaminantes de natureza microbiolóxica como norovirus e outros de natureza físico-química como dioxinas, metais pesados e hidrocarburos.

Así, a conselleira do Mar fixo fincapé na importancia que supón este acordo para o instituto de Vilaxoán, xa que contempla actuacións que axudan a mellorar a protección da poboación fronte aos riscos asociados ao consumo de moluscos bivalvos, como poden ser por exemplo as toxinas. Nesta liña Rosa Quintana e Jesús Vázquez Almuíña reiteraron a aposta da Xunta por seguir fomentando a cooperación recíproca na obtención de datos para a protección da saúde pública, o que redunda en beneficio para a cidadanía.

O acordo asinado hoxe realízase no marco da Rede Integrada de Laboratorios de Interese en Saúde Pública de Galicia (REDGALICIA), na que están implicadas as consellerías de Sanidade, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Medio Rural, Economía, Emprego e Industria e Mar co fin de permitir o uso coordinado dos distintos laboratorios destes departamentos e que xeren datos de interese para a saúde pública. Ao abeiro do acordo, para o que a Consellería de Sanidade destina 90.000 euros para os anos 2016, 2017 e 2018, realizaranse arredor de 200 análises anuais.

Para o control do cumprimento deste acordo crearase unha comisión de planificación, seguimento e desenvolvemento composta pola directora do Intecmar e polo director xeral de Saúde Pública e por outras dúas persoas designadas por eles. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2018.

O Intecmar


O principal cometido do INTECMAR é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. A súa actividade céntrase en facer o seguimento, o control e a investigación da calidade ambiental das augas costeiras de Galicia.

Este centro realiza sobre 135.000 análises anuais para controlar o medio mariño de Galicia e emite máis de 2.000 informes anualmente, co fin posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras. Ademais publica ao ano entre 400 e 500 resolucións de peches ou aperturas das distintas zonas de explotación de moluscos bivalvos existentes en Galicia, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas maioritariamente.

Sons relacionados
  • Audio con declaracións da conselleira do Mar
  • Audio con declaracións do conselleiro de Sanidade
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/08/2016