O Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta recibiu máis de trinta mil visitas

O portal reafírmase como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía

Nos catro meses que leva activo houbo 32.248 visitantes distintos que consultaron 219.169 páxinas

Recibíronse 115 solicitudes de información, na súa maioría en materia de persoal, subvencións ou información institucional, organizativa e de planificación

Santiago, 27 de agosto de 2016
  • whatsapp whatsapp

O Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia xa recibiu máis de trinta mil visitas desde a súa posta en marcha, unha cifra que o reafirma como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía.

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en colaboración coa Amtega, foi a encargada do desenvolvemento do portal, que botou a andar o pasado 7 de marzo, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de transparencia. O obxecto da plataforma é dar cumprimento, entre outras, ás obrigas de publicidade activa previstas na normativa en materia de transparencia.

Nos catro meses que leva activo o portal houbo 32.248 visitantes distintos que consultaron 219.169 páxinas. As páxinas máis visitadas están relacionadas coa normativa en tramitación, que recibiu 15.174 visitas, os membros do Goberno e altos cargos, con 14.840 visitas, e a información sobre contratación pública, con 5.665 visitas.

Máis dun cento de solicitudes de información
Doutra banda, recibíronse 115 solicitudes de acceso a información pública, entre as que destacan as relativas a persoal (24), subvencións (14), información institucional, organizativa e de planificación (14) ou de relevancia xurídica (7), entre outros asuntos.

Das 115 solicitudes, 38 foron presentadas a través de medios electrónicos e 77 en papel. Por departamentos, o maior número de solicitudes recibiunas a Consellería do Mar, cun 21 por cento, seguida da Vicepresidencia, co 19 por cento, e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co 15 por cento das consultas.

Das solicitudes recibidas nestes meses, 83 xa foron resoltas e o resto están en prazo legal para a súa contestación. Das resoltas, 12 foron inadmitidas, ben por ser necesaria unha acción previa de reelaboración, por referirse a información de carácter auxiliar ou de apoio, ou ben por dirixirse ao órgano equivocado.