A Xunta activa o Plan Renove de ascensores para mellorar a calidade de vida e a eficiencia enerxética en 1.200 fogares galegos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no DOG a nova convocatoria de axudas, que mobilizará 1,7 millóns de euros, e contribuirá a dotar os edificios de elevadores máis modernos e seguros

A contía máxima das axudas será do 50% do custo da obra, cun límite de 10.000 euros por ascensor e de 20.000 por comunidade de propietarios

O prazo de solicitude das axudas, que se concederán por orde de presentación, ábrese mañá

A través das dúas edicións anteriores do Plan Renove de Ascensores, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas aprobou máis de 240 proxectos, o que permitiu mobilizar 6,6 millóns de euros
 

Santiago, 6 de marzo de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no DOG unha nova convocatoria das axudas para a renovación de ascensores nas comunidades de propietarios de Galicia, unha iniciativa a través da que se prevé chegar a 1.200 fogares e mobilizar, inicialmente, ao redor de 1,7 millóns de euros no sector. No marco da terceira edición do Plan de Vivenda, a Xunta continúa así co seu compromiso de impulsar a eficiencia enerxética e a calidade de vida das familias galegas, repercutindo tamén na mellora da seguridade e da accesibilidade ás vivendas.

As axudas diríxense a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal en Galicia. A convocatoria arranca cun orzamento de 700.000 euros, e o prazo para presentar as solicitudes para esta orde de axudas abrirase desde mañá durante un período de tres meses. A convocatoria será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se outorgarán por orde de presentación ata esgotar o crédito a todo solicitante que cumpra os requisitos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, mantén as contías das axudas que estaban fixadas na anterior convocatoria deste programa de renovación de ascensores, que pode chegar ata o 50% do custe do proxecto. A subvención poderá alcanzar os 10.000 euros por ascensor e os 20.000 por comunidade, cun importe mínimo do gasto de 5.000 euros. A data límite para xustificar a execución das obras será ata o próximo 15 de novembro.

Nas dúas convocatorias anteriores, aprobouse a concesión de axudas para 241 solicitudes, o que supuxo a mobilización de máis de 6,6 millóns para o tecido empresarial relacionado con este sector.

O Plan Renove de Ascensores enmárcase dentro do Plan de Vivenda 2017, que está a desenvolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria para favorecer o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos. Deste xeito, as familias poden aforrar custos na factura enerxética, ademais de mellorar a súa calidade de vida, potenciar o uso de enerxías renovables autóctonas e diminuír as emisións de CO2. No caso concreto do Plan Renove de Ascensores, a segunda iniciativa que se impulsa este ano tras activarse o programa para a renovación de fiestras, estímase que o emprego de mecanismos máis modernos e eficientes permitirá, como mínimo, reducir cada ano o uso de enerxía nun 35%, co conseguinte aforro económico para as familias.
 

Data de actualización: 06/03/2017