Díaz Mouteira clausura o obradoiro promovido pola mancomunidade do Ribeiro que formou e deu traballo a 20 desempregados en xardinería e atención sociocomunitaria

A delegada territorial da Xunta en Ourense participou na entrega de diplomas ao alumnado deste programa mixto de formación e emprego que contou cun investimento de preto de 180.000 euros

Marisol Díaz informou de que está aberto o prazo de solicitude da nova convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego á que a Xunta destina este ano 20,5 millóns de euros
 

Beade (Ourense), 16 de marzo de 2017
  • whatsapp whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en Beade na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego O Ribeiro que promove a Mancomunidade do Ribeiro. No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Neste caso, os alumnos e alumnas terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego en xardinería e atención sociocomunitaria en institucións.

Na visita Marisol Díaz, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coñeceu os labores que desenvolveu o alumnado desta iniciativa de emprego que contou cun investimento do departamento autonómico dirixido por Francisco Conde de preto de 180.000 euros.

Os 20 alumnos que se formaron e traballaron neste obradoiro realizaron labores de atención a persoas dependentes no ámbito sociosanitario en institucións da comarca do Ribeiro e de xardinería en zonas da Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro. Entre outras actuacións, levaron a cabo o acondicionamento das áreas recreativas de A Queixeira, Outeiro de Cruz, e da vila termal, en A Arnoia; recuperaron o roteiro termal de Laias, en Cenlle; melloraron o sendeiro do río Avia, ao seu paso polo municipio de Leiro; crearon unha área recreativa no núcleo urbano de Beade e acondicionaron as rotondas e a contorna da piscina municipal de Cortegada.

A delegada territorial lembrou que este curso desenvolvéronse 20 obradoiros de emprego na provincia de Ourense que beneficiaron a preto de 400 persoas en situación de desemprego dun total de 75 concellos, xa que a maioría se organizan de forma conxunta entre varias localidades ou a través de mancomunidades.

Convocatoria para o 2017

Díaz Mouteira informou de que xa está aberta a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego ordinarios á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos. A convocatoria dirixida a obradoiros para menores de 30 anos publicarase proximamente.

A máxima representante do Goberno galego en Ourense explicou que este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.

Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen.

A delegada territorial expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural e destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.

Díaz Mouteira agradeceu, deste xeito, a colaboración e coordinación dos concellos cos obradoiros de emprego para contribuír a mellorar o emprego nas comarcas da provincia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/03/2017