A Xunta salienta en Vigo que a innovación e a responsabilidade social empresarial son claves para o crecemento económico

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Vigo a empresa iConcept, un referente na creación de encerados de vidro rotulables con presenza en grandes multinacionais españolas e do estranxeiro

Toca destacou que a Xunta é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE nas empresas para acadar “un verdadeiro emprego estable e de calidade”

Indicou que a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 da Xunta apoia proxectos innovadores e de vangarda dando resposta ao tecido empresarial

Sinalou neste eido que Galicia creou 11.500 novos empregos industriais nos dous últimos anos e que a Xunta investiu 143 millóns de euros, que impulsaron a modernización de 4.200 empresas
 

Vigo, 17 de marzo de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Vigo a empresa iConcept, un referente na creación de encerados de vidro rotulables con presenza en grandes multinacionais españolas e do estranxeiro. Toca puxo en valor a aposta desta compañía pola innovación e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE), sinalando que son claves para o crecemento económico dun país xa que se traduce “en iniciativas empresariais de éxito”.

A secretaria xeral de Emprego apuntou que a Xunta aposta de xeito decidido tanto pola innovación como pola aplicación da RSE nos procesos produtivos e nas políticas sociais da empresa, lembrando neste último eido que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar “un verdadeiro emprego estable e de calidade”.

Ao respecto, explicou que o Goberno galego traballa, no marco da Axenda 20, nun novo Plan Estratéxico da RSE que será “un acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que promoverá na negociación colectiva medidas de RSE, igualdade e conciliación”. En materia de RSE, a Consellería de Economía, Emprego e Industria presta apoio económico ás empresas e leva a cabo programas de divulgación e orientación, así como de asesoramento e formación e mentoring mediante programas específicos en colaboración con grandes empresas.

A Xunta neste ámbito tamén conta cos Premios RSE Galicia como recoñecemento público ás iniciativas e boas prácticas das empresas galegas e co programa Responsabilízate, de asesoría gratuíta personalizada para implantar a RSE na xestión do negocio.

En canto a aposta do Goberno galego pola innovación, a secretaria xeral de Emprego resaltou que a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 está apoiando proxectos innovadores e de vangarda para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial galego na procura dunha industria competitiva, intelixente, diferenciada e xeradora de emprego. “O noso obxectivo é fixar tecido industrial en Galicia consolidando o crecemento e a internacionalización das empresas”. Así, subliñou que Galicia creou nos dous últimos anos 11.500 novos empregos industriais e a Xunta investiu 143 millóns de euros que impulsaron a modernización de 4.200 empresas. “A modernización do noso tecido produtivo está a crear emprego e está a axudar a nosa economía a expandirse”, rematou.
 

Data de actualización: 17/03/2017