O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago as instalacións deste taller, Premio Artesanía de Galicia 2016
Conde salienta que Noroeste Obradoiro comparte coa Xunta a aposta pola innovación e a tradición para impulsar a artesanía

Anunciou que a finais deste mes se abrirá a nova convocatoria de axudas a obradoiros artesanais, concellos e asociacións profesionais para fomentar a comercialización da artesanía galega e reforzar a súa competitividade

Galicia volverase unir á celebración dos Días Europeos da Artesanía que se realizarán o 31 de marzo e o 1 e 2 de abril con actividades para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia deste sector

Santiago, 18 de marzo de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, estivo esta mañá en Santiago nas instalacións de Noroeste Obradoiro -Premio Artesanía de Galicia 2016-, da que destacou que comparte coa Xunta a aposta polo deseño, a innovación, a tradición e os valores propios da artesanía galega. Durante a súa visita, adiantou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará na última semana deste mes de marzo unha nova convocatoria para que os obradoiros artesanais, os concellos galegos e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns poidan acceder a axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector.

Conde explicou que a Consellería está tamén a traballar para consolidar a marca Artesanía de Galicia e potenciar unha artesanía innovadora e transversal con iniciativas como a participación en eventos nacionais e internacionais, impulsando o comercio electrónico, así como a xestión da comercialización, ou fomentando a formación especializada e máis a captación de talento. A Xunta, que destina 215.000 euros a esta nova convocatoria, aposta pola artesanía como elemento dinamizador da economía pola súa capacidade para crear emprego, riqueza e impulsar o medio rural.

Na pasada edición, a Consellería concedeu apoios por máis de 150.000 euros a 33 obradoiros profesionais, 11 concellos e á Asociación Galega de Artesáns que permitiron a súa presenza en 45 feiras nacionais e internacionais así como a organización de diversas mostras. O obxectivo desta iniciativa é impulsar accións de promoción comercial, así como a organización de eventos feirais para o fortalecemento da comercialización da artesanía galega.

Na súa visita, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer de preto o labor realizado en Noroeste Obradoiro, unha galería/taller situada no casco histórico de Santiago que aposta pola innovación, polo traballo artesanal e pola creatividade como sinal de identidade das súas pezas. O xerme de Noroeste Obradoiro é a Galería Noroeste, fundada polo xoieiro Antonio Ibáñez en 1994 na cidade de Santiago. No ano 2011 Jose Castro, faise socia e codirectora da Galería Noroeste e comeza con Antonio Ibáñez unha nova aventura creando un espazo novo no que se unifica a galería cos seus respectivos talleres persoais sen ningún tipo de división física, unindo a creación, manufactura e venda das súas pezas en Noroeste Obradoiro no ano 2013.

Sector en crecemento

O conselleiro salientou que esta aposta da Xunta por impulsar o sector artesán está dando os seus froitos e subliñou que Galicia conta con preto de 3.000 artesáns rexistrados e máis de 500 obradoiros, o que supón un crecemento do 23% nos últimos 5 anos. Ademais, emprega a máis de 5.000 persoas en Galicia, logra captar novos emprendedores e supón unha importante vía de dinamización económica e turística, especialmente nas zonas rurais.

Por outra parte, Conde confirmou que Galicia, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, se unirá, un ano máis, á celebración dos Días Europeos da Artesanía, que se festexan o 31 de marzo e o 1 e 2 de abril. Durante estas tres xornadas, nas que participan España e outros 18 países europeos, localidades das catro provincias galegas albergarán obradoiros gratuítos, cursos de formación, demostracións de oficios, exposicións e aperturas de obradoiros artesanais ao público co obxectivo de sensibilizar aos cidadáns respecto da súa importancia, así como dar a coñecer os diversos oficios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/03/2017