Conde sinala que os Premios Semente demostran que en Monforte de Lemos hai ideas e talento que trasladar ao tecido empresarial galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe á entrega dos galardóns correspondentes ao III Concurso de proxectos empresariais, que organiza a asociación que lle dá nome

Sinala que estes premios constatan que en Monforte hai “vontade de traballo e iniciativa empresarial”; e tamén “capacidade para innovar con vocación de transcender o ámbito local”

O obxectivo, di, é axudar aos emprendedores, igual que nos dous espazos coworking que a Xunta organizou na provincia, en Monforte e en Mondoñedo, nos que recibiron asesoramento un total de 40 persoas responsables de 32 proxectos empresariais

Monforte de Lemos (Lugo), 18 de marzo de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe que os premios Semente de Monforte demostran que neste municipio existen “ideas e talento que trasladar ao tecido de empresas locais e de toda Galicia”. Así o manifestou na entrega destes galardóns correspondentes ao III Concurso de proxectos empresariais, que organiza a asociación que lle dá nome.

Conde indicou que estes premios constatan que en Monforte hai “vontade de traballo e iniciativa empresarial”; e tamén “capacidade para innovar con vocación de transcender o ámbito local”. Son a proba, dixo, de que “desde Monforte tamén se pode falar de futuro económico”.

Segundo sinalou, esta mesma idea é a que comparte a Xunta, que apoia este concurso xunto coas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo. O obxectivo, engadiu, é axudar aos emprendedores e fomentar que ese emprendemento achegue ideas innovadoras para que o produto final teña o seu oco no mercado.

Espazos de emprendemento na provincia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que estes días se clausuraron os dous espazos coworking que a Xunta organizou na provincia —en Monforte e en Mondoñedo—, nos que recibiron asesoramento un total de 40 persoas responsables de 32 proxectos empresariais. Mentres que, en conxunto, nos sete espazos abertos por toda Galicia en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI) foron 139 os participante con 119 proxectos.

Conde adiantou que xa está aberta a segunda convocatoria ata o 10 de abril, e que ademais destas aceleradoras tamén se puxeron en marcha na provincia outras como Agrobiotech e VíaLugo. Este dinamismo emprendedor, dixo, queda patente no feito de que nos dous primeiros meses do ano creáronse na provincia de Lugo preto de 80 empresas; unha cifra que consolida a tendencia positiva de 2016, cando se constituíron máis de 450 empresas en Lugo, un 23% máis que en 2015, sete puntos por riba da media galega.

O titular de Economía destacou o apoio amosado aos autónomos en Galicia: non fai falla a licenza municipal previa de apertura; ampliouse a tarifa plana de 50 euros; aumentouse en 16 semanas a bonificación da cota da Seguridade social do traballador contratado no caso de maternidade ou paternidade; creouse o Bono do Autónomo cunha contía de ata 3.000 euros; e melloraron as axudas á contratación indefinida, que crecen en 1.000 euros.

Ademais, se o proxecto se desenvolve no ámbito rural, existen axudas de ata 70.000 euros para a posta en marcha de empresas non relacionadas co sector agrícola —a través do programa Galicia Emprende Rural—, e aumentaron nun 25% os incentivos á contratación. Todo este talento emprendedor que deixan de manifesto estes premios, concluíu Conde, “será un importante revulsivo na economía local deste municipio e de toda Galicia”.

Data de actualización: 18/03/2017