A conselleira de Infraestruturas e Vivenda presentou as actuacións de acondicionamento deste treito da estrada que vai a Cortegada, a OU-531, ao seu paso polo centro urbano, cuxa licitación se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia
A Xunta comezará este verán as obras de renovación profunda da avenida de Celanova, en Xinzo de Limia, cun investimento de máis de 460.000 euros

Vázquez Mourelle sinala que este proxecto dá resposta a unha demanda veciñal e ten como obxectivos reforzar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade e permitir unha maior comodidade nos desprazamentos a pé

As actuacións centraranse na ampliación da calzada e na reurbanización da travesía desde o seu inicio, na glorieta coa N-525, ata a intersección coas rúas Sitibal e pista do Zepetal

Construiranse beirarrúas pola marxe dereita e ampliaranse as da esquerda á altura dos pasos de peóns; e habilitaranse zonas de aparcadoiro na marxe dereita

A conselleira lembra que no marco do Plan de Reforzos de Firme, no mes de outubro finalizáronse melloras en varias estradas da provincia, que tamén beneficiaron a Xinzo cun investimento superior aos 100.000 euros neste municipio
 

Xinzo de Limia (Ourense), 20 de marzo de 2017
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, presentou hoxe o proxecto de renovación profunda da Avenida de Celanova, cuxas obras se licitan hoxe co obxectivo de inicialas este verán.

Vázquez Mourelle explicou que se trata do acondicionamento dun treito de 350 metros da estrada que vai a Cortegada, a OU-531, ao seu paso polo centro urbano, no que o Goberno galego investirá máis de 460.000 euros.

A titular de Infraestruturas subliñou que este proxecto reforzará a seguridade viaria, favorecerá a mobilidade e suporá tamén unha maior comodidade nos desprazamentos á pé dos veciños e dos usuarios que transitan por esta travesía. Definiu esta actuación como “ambiciosa” e concretou que é prioritaria para o Concello de Xinzo de Limia, xa que se vai dar resposta a unha demanda veciñal que tiña trasladado o alcalde.

As actuacións centraranse na ampliación da calzada e na reurbanización da travesía desde o seu inicio, na glorieta coa N-525, ata a intersección coas rúas Sitibal e pista do Zepetal. Con estes traballos a Xunta pretende dar solución ás deficiencias detectadas neste punto e evitar situacións de risco xeradas pola pouca amplitude da estrada, unha drenaxe insuficiente e pola pouca iluminación.

Ademais construiranse beirarrúas pola marxe dereita e ampliaranse as da marxe esquerda á altura dos pasos de peóns; e habilitaranse zonas de aparcadoiro na marxe dereita. Tamén se mellorará a drenaxe para evitar o estancamento da auga, modificando o peralte e instalando un colector e sumidoiros e renovarase a rede de saneamento, abastecemento e o alumeado. Procederase ao axardinado da franxa que separa a estrada da vía de servizo, ademais da colocación de novo mobiliario urbano.

Ethel Vázquez lembrou que, no marco do Plan de Reforzos de Firme da Xunta, no mes de outubro finalizáronse melloras en varias estradas da provincia, que tamén beneficiaron a Xinzo e supuxeron un investimento superior aos 100.000 euros neste municipio. Estas actuacións amosan a aposta decidida do Executivo autonómico pola mellora das estradas co obxectivo de que os desprazamentos de veciños e usuarios sexan máis cómodos e seguros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2017