A Xunta pon en valor o obradoiro Ecorural para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas deste programa mixto de formación e emprego

Os alumnos teñen a partir de agora máis oportunidades para traballar nas especialidades de confección e publicación de páxinas web e de operacións de revestimentos en construción

Marnotes informou de que está aberto o prazo de solicitude da nova convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego á que a Xunta destina este ano 20,5 millóns de euros

Inclúense diversas novidades entre as que resaltou a ampliación da duración ata os 9 meses, a aposta polos proxectos con maior vinculación coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017
  • whatsapp whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Ecorural no que se formaron 20 alumnos nas especialidades de confección e publicación de páxinas web e de operacións de revestimentos en construción. A Xunta apoiou esta iniciativa con preto de 180.000 euros.

Marnotes puxo en valor este tipo de programas que ofrecen formación e un contrato de traballo polo que se incrementa a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.

A través deste obradoiro, os alumnos levaron a cabo diversas actuacións como a rehabilitación da antiga escola unitaria da Susana-Marrozo, converténdoa nun centro BTT e de atención a visitantes. Ademais, elaborouse unha páxina web deste proxecto.

Marnotes informou de que xa está aberta a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos.

O director xeral explicou que este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.

Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

Marnotes expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural e o fomento da colaboración institucional. Fixo fincapé na importancia da formación que ofrecen estes programas poñendo en valor, ademais, outras ferramentas da Xunta para mellorar a cualificación das persoas sen emprego.

Destacou as Unidades Formativas nas Empresas na que se invisten un total de 1,4 millóns de euros para beneficiar a 450 alumnos a través de 30 unidades formativas. A Administración autonómica con esta actuación, que é unha demanda do tecido empresarial galego, financia o 100 por cento da formación das empresas que, pola súa banda, deberán contratar a un mínimo do 60% dos participantes. Aquelas compañías que superen este mínimo de inserción laboral contarán, ademais, con incentivos da Xunta para a contratación que poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido.

Marnotes salientou que Galicia é a única Comunidade Autónoma que, a través deste tipo de programas de formación á carta, financia directamente a contratación que supere o compromiso de inserción laboral fixado.

Novidades na formación

Por último, o director xeral referiuse ás melloras introducidas este ano nos cursos de formación para desempregados que dan acceso a certificados de profesionalidade.

Deste xeito, para continuar mellorando o potencial dos galegos e das galegas e que poidan acceder ao mercado de traballo en igualdade, o Goberno galego centrará a programación do 2017 nos sectores con maiores índices de inserción laboral, cun enfoque claro na Industria 4.0 e naqueles que son estratéxicos e emerxentes, definidos na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Os menores de 30 contarán, ademais, cun programa específico de formación.

A formación para desempregados ampliouse, ademais este ano a través do programa Cualifica FP, que está permitindo contar con máis de 3.200 novas prazas neste tipo de oferta formativa, xa que a formación para desempregados tamén se está a impartir nos centros de ESO e FP. En palabras de Marnotes, a Administración autonómica con esta actuación multiplica por tres o orzamento, o número de cursos e de prazas de formación para desempregados da rede pública. A Xunta no que vai de ano xa activou 61 millóns de euros en formación para desempregados, o que permitirá contar cunha oferta de 15.500 prazas e máis de 1.000 cursos.

Marnotes, por último, apuntou que estas medidas enmárcanse na Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral coa que se prevé impulsar a creación de 80.000 novos postos de traballo ata 2020, a conversión de 50.000 contratos en indefinidos ou acadar unha inserción trala formación dun 60%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2017