O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as instalacións da Amicos no municipio coruñés de Ribeira
A Xunta reafirma o seu compromiso coas persoas con discapacidade intelectual e as súas familias

O responsable da área social do Goberno galego avogou por abordar a discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade e a acción positiva, xa que “non se trata tanto de que as persoas con distintas capacidades se adapten para integrarse na sociedade se non que é esta a que as ten que incluír”

A Administración autonómica aumentou o ano pasado as prazas concertadas cos centros de Amicos ata chegar ás 60, e que este año se manteñen grazas a un investimento superior aos 730.000 euros.
 

Ribeira (A Coruña), 20 de marzo de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe as instalacións en Ribeira da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual (Amicos). O conselleiro, que destacou o traballo que esta a facer esta entidade a prol da mellora da calidade de vida deste colectivo, estivo acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.

Rey Varela reiterou o compromiso da Xunta no apoio ás persoas con discapacidade, xa que “non se trata de persoas diferentes, senón de persoas con distintas capacidades que poden achegar moito á sociedade e das que temos moito que aprender”, dixo. Neste sentido, o titular de Política Social explicou que debemos abordar a discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva, posto que “non se trata tanto de que as persoas con distintas capacidades se adapten para integrarse na sociedade se non que é esta a que as ten que incluír”, manifestou.

Ademais, o responsable da área social do Goberno galego destacou o incremento da colaboración con entidades que interveñen no ámbito da discapacidade. No caso de Amicos, a Xunta aumentou o ano pasado o número de prazas concertadas nos centros da asociación acadando as 60, cantidade que se mantén en 2017 cun investimento superior aos 730.000 euros.

Por último, Rey Varela sinalou que a Administración autonómica seguirá coa liña de traballo conxunto coas entidades sociais para avanzar no desenvolvemento da Estratexia Galega sobre Discapacidade, horizonte 2020, a cal contempla seis liñas básicas de intervención para conseguir unha sociedade máis integradora: accesibilidade; autonomía persoal; educación, formación e emprego; saúde e servizos sociais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2017