A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, entregou hoxe os diplomas nas instalacións do Espazo Xove de Ourense
A Xunta de Galicia recoñece o traballo realizado en 2016 por parte dos 125 participantes no servizo voluntariado xuvenil

Os voluntarios, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos, formaron parte de proxectos desenvolvidos por dez entidades e oito concellos da provincia ourensá

As áreas de actuación das iniciativas foron xuventude, medio ambiente, igualdade, Camiño de Santiago e recuperación da cultura, as artes e as tradicións galegas
 

Ourense, 20 de marzo de 2017
  • whatsapp whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou no Espazo Xove de Ourense no acto de entrega de diplomas ás persoas voluntarias, con idades entre os 16 e os 30, que participaron nos 18 proxectos de carácter provincial que se desenvolveron o ano pasado no marco do programa Servizo de Voluntariado Xuvenil.

Deste xeito, a Xunta recoñece publicamente o traballo solidario desenvolvido polas 125 persoas voluntarias que se implicaron nestas iniciativas, que tiveron unha duración comprendida entre os 15 e os 60 días, e que contaron cunha achega total de 67.541 euros por parte da Administración autonómica. No programa colaboraron dez entidades de acción voluntaria e oitos concellos da provincia, que impulsaron accións nos ámbitos de xuventude, medio ambiente, igualdade, Camiño de Santiago e da recuperación da cultura, artes e tradicións de Galicia.
A Xunta de Galicia destinou no pasado ano un total de 375.000 euros ao programa de Servizo de Voluntariado Xuvenil, dos que 175.000 foron para entidades locais, e 200.000, para entidades de acción voluntaria, co obxecto de colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado e influír no desenvolvemento comunitario.
En cifras globais, referidas ao conxunto da nosa comunidade autónoma no programa Servizo de voluntariado xuvenil, participaron un total de 580 persoas voluntarias, 35 concellos e 50 entidades de acción voluntaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2017