Cores Tourís visita o novo punto de xestión de residuos empresariais do polígono da Facha de Campo Lameiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que neste concello investíronse 125.000 euros para a creación desta área así como a mellora dos viais interiores, a través dunha liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se buscar apoiar aos parques empresariais de cara a fomentar o emprendemento no sector industrial

Campo Lameiro (Pontevedra), 20 de marzo de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono empresarial da Facha en Campo Lameiro, co obxectivo de comprobar o remate do punto limpo executado a través dunha liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Julio Sayáns, así como do xefe territorial de Economía, Ignacio Rial.

Deste xeito, Cores Tourís destacou a labor da Consellería de Economía, Emprego e Industria que aprobou o ano pasado apoios por preto de 5 millóns de euros para os concellos galegos cos cales se desenvolveron melloras en 46 parques empresariais de toda Galicia, 9 deles na provincia de Pontevedra, onde se desenvolveron 12 proxectos que supuxeron un aporte económico de case un millón de euros, dos cales case 100.000 euros foron destinados a este concello pontevedrés”.

Deste xeito, no polígono da Facha investíronse 125.000 euros, dos cales o 80%, é dicir, 99.400 serán aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tanto para a execución do novo punto de xestión de residuos empresariais como para a mellora dos viais internos do parque.

“O problema da recollida de residuos era un dos problemas pendentes neste polígono”, explicou Cores Tourís, quen recordou que este parque non contaba con ningún punto de reciclaxe. “Con esta obra mellórase a operatividade e flexibilidade do funcionamento da recollida selectiva de residuos de empresa”, recordando que este novo punto limpo non pode albergar, baixo ningún concepto, residuos perigosos ou orgánicos”.

En canto a mellora dos viais interiores do parque empresarial, renovouse a sinalización horizontal, tanto o pintado de sinais coma liñas, e executáronse beirarrúas en varios tramos, mellorándose tamén a evacuación de augas pluviais nun punto onde habitualmente se producían encharcamentos.

Estas obras foron executadas a través das axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas que permitiron impulsar no pasado ano 58 proxectos en 46 parques empresariais galegos. “Na nosa provincia executáronse 12 proxectos, véndose beneficiados 9 concellos: Cambados, Ribadumia, Campo Lameiro, O Porriño, A Cañiza, Silleda, A Lama, Agolada e Forcarei”, explicou Cores Tourís, quen matizou que grazas a estas obras “mellórase así o servizo que se presta ás compañías xa instaladas ao tempo que se impulsa a chegada de novas iniciativas con capacidade para xerar riqueza e emprego”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2017