A República Dominicana toma Galicia como referente de calidade universitaria
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co viceministro de Educación Superior para la Acreditación y la Evaluación de las Instituciones de Educación Superior en República Dominicana, Saturnino de los Santos, co gallo da visita de delegación dominicana para coñecer o sistema de acreditación de calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que o país latinoamericano considera un referente. Non en balde, o obxectivo da visita é deseñar unha proposta para establecer en República Dominicana un sistema nacional de aseguramento da calidade da educación superior tomando como exemplo o existente na nosa Comunidade, que se estrutura arredor da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

A delegación está conformada pola Comisión designada polo Goberno Dominicano para este fin, integrada por Radhamés Mejía, ex reitor da Universidad APEC e ex vicerreitor executivo da Pontificia Universidade Católica Madre y Maestra; por Roberto Reyna, ex reitor da UASD; por Vhyna Ortega, profesora da Universidad UNIBE e por Laura Abreu, asesora educativa. Na súa visita a Galicia, ademais de polo conselleiro, estiveron acompañados pola presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo.

A orixe desta visita a Galicia está na participación do director da ACSUG, José Eduardo López Pereira, nun encontro coordinado polo Ministerio de Educación Superior, Ciencia y Tecnología da República Dominicana, no que expuxo o funcionamento do sistema de acreditación en Europa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2017