A Xunta organiza unha xornada para abordar cos concellos o novo marco normativo urbanístico galego co que se pretende impulsar unha ordenación sustentable e responsable

Con este encontro, a Xunta quere dar a coñecer o regulamento integral que complementa a Lei do solo, que achegará a seguridade xurídica necesaria para que os concellos poidan desenvolver os seus plans urbanísticos

Esta xornada, que se celebra mañá na Cidade da Cultura, está dirixida aos axentes intervenientes na transformación do territorio, isto é, técnicos das administracións locais, arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e rexistradores, entre outros

Cómpre lembrar que o regulamento foi aprobado tan só seis meses despois da entrada en vigor da Lei do solo, en marzo de 2016, e unifica xestión, planeamento e disciplina
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia organiza unhas xornadas para dar a coñecer o regulamento que complementa a Lei 2/2016 da Lei do solo de Galicia e que conforma o marco normativo urbanístico galego co que se pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio. Este encontro, que se celebra mañá na Cidade da Cultura, está dirixido aos axentes intervenientes na transformación do territorio, como son os técnicos das administracións locais, arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e rexistradores, entre outros.

Así, pois, con esta cita perséguese o obxectivo de informar sobre o contido dun regulamento integral que simplifica e axiliza a consulta da Lei e que foi aprobado tan só seis meses despois da entrada en vigor da norma (marzo de 2016). Deste xeito, Galicia convertíase na terceira Comunidade autónoma que conta cun corpo legal en materia urbanística completo.

Cómpre lembrar que este regulamento inclúe a xestión, o planeamento e a disciplina, o que facilitará considerablemente a súa aplicación, xa que unifica e substitúe aos tres regulamentos que existen actualmente: os estatais de planeamento e xestión, vixentes desde 1978; e o autonómico de disciplina, aprobado en 1999.

Nesta liña, a presentación servirá para que os axentes intervenientes na transformación do territorio coñezan en profundidade as ferramentas das que dispoñen para desenvolver os plans de ordenación territorial coa máxima seguridade xurídica e acurtando os prazos.

Precisamente para reducir os tempos, con este novo marco legal créase a figura do informe único autonómico, que eximirá aos concellos de presentar diversos documentos sectoriais por separado. Ademais, o prazo para informar será de tres meses e o silencio administrativo entenderase como positivo. Con estas medidas, preténdese aforrar nun 75 por cento o tempo da tramitación dos plans de ordenación municipal.

Data de actualización: 28/03/2017