Encarnación Rivas defende un aproveitamento sustentable dos recursos, compatible coa preservación dos valores do territorio

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo participou nunha xornada informativa sobre as novidades lexislativas recollidas no Regulamento da Lei do solo, que afectan ao sector mineiro de Galicia

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, explicou esta mañá que a Xunta de Galicia aposta por defender un aproveitamento sustentable dos recursos e facelos compatibles coa preservación dos valores do territorio. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención nunha xornada sobre as novidades lexislativas recollidas no Regulamento da Lei do solo, que afectan ao sector mineiro de Galicia, onde engadiu que este é un dos obxectivos do Regulamento, aprobado tan só en seis meses despois da entrada en vigor da Lei, así como da propia Lei do solo.

A directora xeral recordou que os usos propios do solo rústico son o agropecuario, o forestal, o pesqueiro e o mineiro, e aclarou que isto non é sinónimo dun menor coidado do territorio; senón que a nova norma promove a conservación e preservación dos valores do territorio galego.

Explicou que os usos mineiros seguirán condicionados, como ata agora, ao estrito cumprimento da normativa ambiental e á autorización sectorial que debe emitir a consellería con competencias na materia.

Encarnación Rivas defendeu que o Regulamento e a Lei do Solo, que entrou en vigor en marzo do pasado ano, non supón unha renuncia á ordenación do medio rural, senón todo o contrario: considérase que os diferentes organismos que ostentan as competencias sectoriais son os que mellor poden tutelar os valores obxecto de protección do solo rústico de especial protección.

Defendeu o traballo levado a cabo polos técnicos da Dirección Xeral, que redactaron un regulamento integral, que inclúe xestión, planeamento e disciplina, unificando e modificando os tres regulamentos anteriores (dous estatais e un autonómico) e que ten dúas grandes funcionalidades: facilitar a aplicación e a consulta da Lei do Solo e clarexar a interpretación da Lei, aporta seguridade xurídica e fai un esforzo por achegar a súa comprensión.

Por último, sinalou que a Lei do solo é “unha lei práctica, sinxela e clara, que evita a hiperrregulación”, defendeu e que recolle tres obxectivos fundamentais: a ordenación territorial, o desenvolvemento rural e a protección da paisaxe.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/03/2017