A Xunta activa unha plataforma cidadá na que recolle propostas para a elaboración da Lei de implantación empresarial

Autónomos, emprendedores, empresarios e particulares xa poden enviar as súas achegas a través do enderezo electrónico doingbusiness@xunta.gal

O obxectivo desta actuación de Economía, Emprego e Industria é facer entre todos unha normativa acorde ás necesidades reais do tecido empresarial galego

A Lei pretende facilitar a chegada de novos proxectos a Galicia polo que está orientada a favorecer a implantación de actividade industrial co obxectivo de seguir creando emprego estable e de calidade

Esta normativa enmárcase no Plan de acción para a captación de novos investimentos en Galicia coa que se busca poñer en valor a capacidade industrial, loxística e xeoestratéxica da comunidade facilitando novos investimentos e consolidando os xa existentes
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017
  • whatsapp

A Xunta vén de activar unha plataforma cidadá para recoller propostas para a elaboración da Lei de implantación empresarial. Autónomos, emprendedores, empresarios e particulares xa poden enviar as súas achegas a través do enderezo electrónico doingbusiness@xuntal.gal. O obxectivo é deseñar unha normativa que se axuste ás necesidades do tecido empresarial galego.

A Lei, que se enmarca no Plan de acción para a captación de novos investimentos en Galicia posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, pretende facilitar a chegada de novos proxectos e consolidar os xa existentes. Neste sentido, a Xunta busca favorecer a implantación de actividade industrial mediante a simplificación da tramitación administrativa, desenvolvendo mellores axudas e apoios ás actividades empresariais e levando a cabo actuacións específicas que contribúan á dinamización do tecido empresarial.

Con esta consulta, a Xunta pretende recoller as propostas da cidadanía para a futura Lei aproveitando as vantaxes que ofrece a Oficina Doing Business, a plataforma pública online posta en marcha o ano pasado e que se constitúe como unha canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar novos proxectos.

O Plan de acción para a captación de novos investimentos en Galicia é unha nova estratexia da Xunta que pon en valor a capacidade industrial, loxística e xeoestratéxica da comunidade, reforzando a posición de Galicia como unha terra de oportunidades. Por este motivo, a través desta iniciativa preténdense desenvolver medidas de maneira coordinada co resto de administracións para atraer a Galicia novas iniciativas empresariais e consolidar as xa existentes.

Esta folla de ruta tamén aposta por intensificar o investimento en innovación e Industria 4.0. O reto principal é que Galicia se converta nunha comunidade atractiva para investir e ofrecer emprego estable e de calidade. En definitiva, a posta en marcha do Plan busca facilitar a chegada de máis proxectos empresariais e a incorporación de novos sectores que contribúan ao fortalecemento e a mellora da competitividade do tecido empresarial que xa está afincado en Galicia.
 

Data de actualización: 05/04/2017