A secretaria xeral de Emprego visitou hoxe Delta Vigo
A Xunta informa en Vigo dos novos incentivos ás empresas para a contratación de parados de longa duración

Covadonga Toca sinalou que o DOG publica hoxe a convocatoria destas axudas dirixidas a desempregados maiores de 45 anos nas que o Goberno galego inviste dous millóns de euros

Indicou que para a Xunta é prioritario reducir o tempo dos traballadores en situación de desemprego

Os apoios poden oscilar entre os 10.000 e 25.000 euros tendo maior intensidade as mulleres, as persoas con discapacidade ou pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro e os centros de traballo do rural

A Xunta tamén primará ás empresas que contan con, polo menos, o 75% do seu cadro de persoal indefinido

Toca apuntou que no último ano máis da metade das persoas sen traballo que saíron do desemprego eran parados de longa duración
 

Vigo, 6 de abril de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe a empresa Delta Vigo para coñecer de primeira man o labor que desenvolve (leva a cabo 12 actividades industriais diferentes que engloban desde a enxeñería de procesos ata a posta en marcha en casa do cliente) e as axudas coas que conta a Xunta para apoiar a contratación.

Neste eido, Toca informou de que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica os apoios ás empresas, dotados con dous millóns de euros, para a contratación de parados de longa duración. En concreto, esta iniciativa está dirixida a persoas maiores de 45 anos e as axudas poden oscilar entre os 10.000 e 25.000 euros, tendo maior intensidade, un 25% máis, no caso de que as persoas contratadas sexan mulleres, con discapacidade ou pertecentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro ou o centro de traballo se emprace no rural. Ademais, a contía pode aumentar tamén nun 25% se a empresa conta con, polo menos, o 75% do seu cadro de persoal indefinido, primado, deste xeito, a estabilidade laboral.

O pasado ano beneficiáronse destas axudas máis de 100 empresas, entre elas Delta Vigo, cun investimento de 1,6 millóns de euros.

A secretaria xeral indicou que os parados de longa duración son unha prioridade para a Xunta. “É prioritario reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego”, afirmou, ao tempo que sinalou que no último ano máis da metade das persoas sen traballo que saíron do desemprego pertencían a este colectivo.

Toca, ademais, destacou a importancia de manter “un diálogo aberto e claro” entre as administracións e as empresas para traballar da man co único obxectivo de xerar emprego estable e de calidade. A Xunta conta coa Axenda 20 para acadar este obxectivo, unha folla de ruta que, entre outros retos, inclúe a formación dos traballadores e traballadoras galegos adaptando os seus perfís profesionais ás necesidades reais das empresas, moitas inmersas no cambio de modelo cara á Industria 4.0.

Neste ámbito, a Xunta destina este ano 86,2 millóns de euros, un 21,6% máis que en 2016, á adecuación da formación e as capacidades do talento galego á demanda real das compañías.

Entre as accións que se están a levar a cabo resaltan, a través do Centro de Novas Tecnoloxías da Xunta, a formación que se imparte en TIC con certificación de empresas líderes no sector ou a convocatoria de axudas para Unidades Formativas nas Empresas a través das que as empresas deseñan a formación específica que precisan os traballadores que precisan incorporar. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia o 100% da formación sempre e cando as compañías contraten a un mínimo do 60% dos alumnos e alumnas que formen. Ademais, se a empresa incrementa a inserción laboral en máis dun 60%, a Xunta conta con incentivos para a contratación que poden chegar aos 9.000 euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2017