Balseiro destaca que a Xunta incrementou nun 21,6 por cento o orzamento destinado á formación para o emprego

O delegado territorial participou nunha xornada organizada pola Asociación Lucense de Centros de Formación en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo

Lugo, 7 de abril de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou hoxe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementou no presente exercicio nun 21,6% o orzamento destinado á formación para o emprego, capítulo ao que dedica en total 86,2 millóns de euros.

O delegado realizou estas declaracións no marco dunha xornada informativa organizada pola Asociación Lucense de Centros de Formación en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), e centrada na recente convocatoria do programa de cursos para o emprego que sufraga a Consellería.

Balseiro lembrou que esta convocatoria contempla 40,7 millóns de euros para financiar 750 cursos que impartirán entidades sen ánimo de lucro, empresas ou concellos, e que poden beneficiar a 11.250 alumnos e alumnas no conxunto de Galicia.

Así mesmo, a consellería dispón 7 millóns de euros adicionais para as becas coas que se apoian gastos de transporte, manutención e conciliación que facilitan a asistencia aos alumnos.

O programa de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas (AFD) diríxese preferentemente ás mulleres en situación de desemprego -e especialmente ás vítimas da violencia de xénero- e a determinados colectivos como os parados de longa duración, menores de 30, persoas con discapacidade, persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais.

Durante o encontro na sede da CEL, Balseiro subliñou que se ofrece “unha formación homologada que da dereito á obtención de certificados de profesionalidade, con validez en toda España, que é algo que debemos poñer en valor como feito diferencial”.

Técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria detallaron as principais novidades da presente convocatoria, entre as que destaca a ampliación da duración dos cursos ao longo de todo ano, xa que a convocatoria de axudas será por primeira vez plurianual (2017-2018), o que posibilitará a impartición dunha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Así mesmo, este ano increméntase o peso das especialidades con maiores índices de inserción laboral e tamén dos cursos relacionados coa Industria 4.0 e os que se vinculan coas competencias de idiomas, ofimática, tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.

Neste sentido, o delegado territorial gabou a colaboración da propia CEL e das empresas de formación, responsables de moitos dos cursos que se programan e, polo tanto, copartícipes “da aposta por unha formación útil, realmente axeitada aos requirimentos do mercado laboral”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/04/2017