Conde sinala que o viveiro de Boiro é un centro de emprendemento que dará máis oportunidades á actividade industrial do Barbanza

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca a colaboración institucional para a posta en marcha deste proxecto, que conta cun investimento de 220.000 euros

Explica que o obxectivo agora é acompañar as novas ideas dos emprendedores de Boiro con iniciativas no eido da formación e asesoramento empresarial

O novo espazo recibiu un apoio de 140.000 euros a través da convocatoria de axudas para a creación destes espazos en parques empresariais de Galicia

Indica que esta iniciativa da Xunta permite revitalizar a actividade dos polígonos industriais axudando ao desenvolvemento de novas empresas

O programa de axudas mobilizou máis de 700.000 euros nos cinco viveiros que se financiaron en 2016

Boiro (A Coruña), 7 de abril de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na inauguración do viveiro industrial de Boiro que o Concello puxo en marcha cunha colaboración da Xunta de máis de 140.000 euros a través da convocatoria de axudas para a creación deste tipo de espazos en parques empresariais de Galicia, co obxectivo de revitalizar a actividade industrial axudando, polo tanto, ao desenvolvemento de novas empresas.

Conde sinalou que este viveiro, que conta cun investimento de 220.000 euros, é xa un centro de emprendemento que dará máis oportunidades á mocidade para desenvolver unha idea industrial, para xerar máis actividade económica no Barbanza, unha comarca que, segundo subliñou, é “dinámica e que destaca pola súa actividade industrial e polo seu enorme potencial”. Neste eido, puxo en valor a colaboración institucional para seguir creando emprego de calidade e industrial, ao tempo que sinalou a importancia que teñen os concellos para captar nova actividade industrial e identificar as necesidades locais para ficar tecido empresarial.

A partir de agora, estas instalacións ofrecerán espazos para alugar a pequenos empresarios que estean a iniciar o seu proxecto de empresa e salas para a realización de obradoiros profesionais. Será un edificio multidisciplinar onde se consolidarán novas empresas, ao tempo que servirá como un lugar para a captación de financiamento externo co que apoiar os proxectos máis innovadores. Segundo indicou o conselleiro, o obxectivo agora é acompañar estas novas ideas dos emprendedores de Boiro con iniciativas no eido da formación e asesoramento empresarial.

Na convocatoria para este ano das axudas para a posta en marcha destes viveiros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 500.000 euros con apoios de ata o 80%. En 2016 este programa axudou a mobilizar máis de 700.000 euros nos cinco viveiros que foron beneficiarios destes apoios. Ademais do de Boiro, o instalado no parque industrial do Acevedo, en Cerceda; o de Sete Pías, en Cambados; e os de Outeiro de Rei e Friol, na provincia de Lugo.

Un dos obxectivos destes viveiros é captar nova actividade industrial, ao igual que o Plan de captación de investimentos da Xunta co que se busca crear un tecido empresarial máis innovador e atractivo para o investimento externo e poñer as máximas facilidades para a implantación empresarial.

Con este Plan, a Xunta está a procurar a colaboración dos concellos a través da Lei de implantación empresarial, que facilitará a tramitación administrativa e incluirá beneficios fiscais para promover a actividade empresarial. A Xunta, para a elaboración desta normativa, acaba de activar unha plataforma cidadá para recoller propostas a través do enderezo doingbusiness@xunta.gal. Así mesmo, esta Lei pretende activar descontos de ata o 50% no prezo do solo industrial.

O Goberno galego tamén traballa para impulsar o emprego de calidade nas zonas menos poboadas de Galicia a través do Programa de formación e emprendemento no rural, dotado con 30 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/04/2017