A Xunta apoia con 250.000 euros ás asociacións de autónomos, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral

O DOG vén de publicar esta convocatoria de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria

O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 8 de maio

A iniciativa forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está a impulsar o emprego estable e de calidade

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2017
  • whatsapp

O DOG vén de publicar unha convocatoria de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixida a apoiar con 250.000 euros ás asociacións de autónomos de carácter intersectorial, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral.

O obxectivo principal desta iniciativa é apoiar os gastos de organización interna e funcionamento deste tipo de entidades asociativas realizados entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017. O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 8 de maio.

Esta iniciativa forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está a impulsar o emprego estable e de calidade.

No ámbito dos autónomos, a Xunta conta coa Estratexia autónomo 2020, dotada con 40 millóns de euros ao ano, coa que o Goberno galego quere impulsar a incorporación de novas persoas ao emprego autónomo, consolidar o xa existente para garantir a súa viabilidade e simplificar e axilizar a tramitación administrativa. Para levar a cabo estas actuacións melloraranse, a través desta planificación, os apoios no arranque e consolidación da actividade e no relevo xeracional, e os programas que promoven a calidade de vida e os servizos destes traballadores.

O colectivo autónomo é unha prioridade para o Goberno galego que está involucrado na busca de fórmulas que permitan impulsar e dar o recoñecemento que merece este sector na economía galega. Por iso, a estratexia nace para consolidar a Galicia como o mellor espazo onde desenvolver iniciativas exitosas no eido do emprego autónomo.

Esta Estratexia xa está activa con preto de 20 millóns de euros en axudas, cuxa convocatoria está aínda aberta, para o establecemento como autónomo e para a contratación indefinida de traballadores.

Como medidas innovadoras que se porán en marcha destacan a ampliación da tarifa plana de 50 euros do Estado, o Bono Autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade, un programa de relevo xeracional para a continuidade de negocios favorecendo a integración da mocidade e a ampliación de 16 semanas adicionais da bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contrata para favorecer a conciliación. A axuda vai dirixida aos traballadores beneficiarios da bonificación por maternidade ou paternidade do Estado que teñan contratado a unha persoa durante este período.


Outra das medidas que contén a Estratexia é a creación da Oficina do Autónomo que se converterá na xanela única deste colectivo, un espazo unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores poderán consultar toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.

Emprego inclusivo

As persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social tamén son un colectivo prioritario para o Goberno galego e, por iso, o orzamento neste ámbito reforzouse este ano nun 18%. A Xunta está a primar, ademais, a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego como son as persoas con discapacidade.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento das persoas en situación de vulnerabilidade reforzando as súas capacidades e habilidades e ofrecéndolles novas oportunidades laborais”.

Data de actualización: 09/04/2017