O DOG publica hoxe as axudas para os obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos

A Xunta inviste nesta actuación catro millóns de euros a través do Sistema de Garantía Xuvenil

O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 10 de maio

Este programa, que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, combina formación cun contrato de traballo e forma parte da Axenda 20 para o Emprego encamiñada a incrementar as oportunidades laborais dos galegos

Primaranse os proxectos que presenten unha maior vinculación coa Industria 4.0 e co tecido empresarial da zona
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixida a apoiar aos concellos para a posta en marcha dos obradoiros de emprego dirixidos especificamente aos menores de 30 anos.

Trátase dunha iniciativa que forma parte da Axenda 20 para o Emprego, coa que o Goberno galego está incrementando as oportunidades laborais dos galegos, e que ten por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo. A mocidade, ademais, é un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta.

A Xunta inviste nesta actuación máis de catro millóns de euros e o prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 10 de maio.

En global, o Goberno galego destina este ano a todos os programas mixtos de formación e emprego 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada. Aos obradoiros de emprego poden optar os concellos e con esta iniciativa, tanto os xerais como os destinados á mocidade, estímase que se poidan beneficiar 1.600 desempregados.

A convocatoria deste ano inclúe diversas novidades. Nesta edición contarán con maior puntuación os concellos resultantes de fusións, aínda que tamén terán unha maior valoración os proxectos de concellos asociados.

Primarase, ademais, os proxectos que presenten unha maior vinculación coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos (agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira e forestal, naval e industria marítima, pedra natural e téxtil-moda) e emerxentes e de alto potencial da Axenda da Competitividade (aeronáutico-aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria e TIC).

Valorarase, así mesmo, a relación do proxecto co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción dos alumnos.
 

Data de actualización: 10/04/2017