A Delegación Territorial de Ourense organiza unha xornada técnica para informar das novidades nas axudas para impulsar a formación a desempregados

Dirixida a concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas do sector de academias que impartirán os cursos de formación

As accións formativas refórzanse este ano coa introdución de melloras como a ampliación da duración primando os que presenten maiores índices de inserción laboral e os relacionados coa Industria 4.0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 40,7 millóns de euros, un 21% máis con respecto á pasada convocatoria, que permitirán financiar 750 cursos para beneficiar a 11.250 alumnos e alumnas

O vindeiro 24 de abril remata o prazo de solicitude para acceder a estas subvencións que en 2016 permitiron pór en marcha na provincia de Ourense 102 cursos AFD cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros
 

Ourense, 10 de abril de 2017
  • whatsapp

Preto de cincuenta persoas, entre alcaldes, técnicos municipais responsables da xestión dos cursos de formación, e representantes de empresas ou entidades sen ánimo de lucro da provincia de Ourense, participaron nunha xornada que analizou as novidades da convocatoria deste ano das axudas para financiar os cursos de formación para desempregados (AFD).

Os participantes asistiron a este acto co fin de obter a información necesaria para unha correcta tramitación na solicitude destas subvencións, cuxo prazo remata o vindeiro día 24 de abril. A secretaria territorial da Delegación da Xunta en Ourense, Silvia Dorado e o xefe de servizo de Orientación e Promoción Laboral, Rodrigo de Luis, foron os encargados de explicar as novidades recollidas na Orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A secretaria territorial explicou que a organización desta xornada ten como obxectivo a resolución das dúbidas de interpretación ou aplicación que podan ter os concellos, empresas o u entidades sen ánimo de lucro á hora de solicitar estas axudas, que este ano inclúen novidades co propósito de mellorar este programa que ten como obxectivo incrementar a ocupabilidade das persoas sen un traballo facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. É unha formación homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda España.

Novidades
Con respecto ás novidades, destacan a ampliación da duración dos cursos ao longo de todo ano, xa que a convocatoria de axudas será por primeira vez plurianual (2017-2018), o que posibilitará a impartición dunha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Así mesmo, este ano darase máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral. Este criterio xa se viña aplicando pero agora terá un maior peso na valoración. Deste xeito, ademais das accións con maior demanda e inserción laboral outorgaranse máis puntos aos cursos relacionados coa Industria 4.0 e os que se vinculan coas competencias de idiomas, ofimática, tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.

Tamén, como mellora, o Goberno galego reserva unha parte da programación para a formación en competencias clave que é a dirixida a aquelas persoas sen estudos básicos. Establécese tamén a posibilidade de conceder anticipos de ata o 60% do importe da axuda outorgada.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 40,7 millóns de euros, un 21% máis que en 2016, que permitirán financiar 750 cursos para beneficiar a 11.250 alumnos e alumnas.

Na pasada convocatoria, ao abeiro desta Orde de axudas, na provincia de Ourense impartíronse un total de 102 cursos AFD cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros.
 

Data de actualización: 10/04/2017