Educación traballa na acreditación de competencias para os alumnos con necesidades de apoio educativo

O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha xuntanza con 24 entidades de atención á diversidade para afondar en accións específicas de inclusión educativa deste alumnado, como o deseño de itinerarios flexibles, entre outros

Galicia é a comunidade cun ensino máis inclusivo, con máis do 91% do alumnado con NEE integrado en réxime ordinario, e atendido por máis de 4.000 profesionais
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e representantes de 24 entidades e asociacións de atención á diversidade en Galicia mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo para afondar en accións específicas encamiñadas á inclusión educativa do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

O conselleiro Román Rodríguez explicou que, no marco de negociación en marcha a nivel estatal para acadar un Pacto social e político pola Educación, se está traballando na introdución de itinerarios ou currículos flexibles para os alumnos con maiores necesidades educativas ou con situacións sociofamiliares complexas, co obxectivo de favorecer a súa permanencia e progresión no sistema.

Así mesmo -en liña co exposto por el mesmo na súa comparecencia na Comisión General das CCAA do Senado o mes pasado- Román Rodríguez subliñou que o seguinte paso é blindar a certificación de competencias e saberes destes alumnos. É dicir, que exista un procedemento regrado que lle confira valor á formación que reciben os alumnos con NEE, que en moitas ocasións non está fundamentada nos seus correspondentes currículos.

Segundo os últimos datos oficiais, Galicia é a comunidade autónoma cun ensino máis inclusivo, con máis do 91% do alumnado con NEE integrado en réxime ordinario, e atendido por máis de 4.000 profesionais. Con todo, o conselleiro recalcou que o obxectivo compartido é que ningún alumno abandone os centros educativos antes dos 18 anos; e que, a maiores, os titulados na formación básica obrigatoria se acheguen ao 100%.

A reunión de hoxe (a segunda deste tipo tras a mantida o pasado setembro) serviu para analizar e poñer en común o traballo desenvolvido no último medio ano a favor da atención á diversidade e a inclusión no sistema educativo galego co fin de ofrecer unha resposta o máis axeitada posible ás demandas deste alumnado. Cómpre lembrar que Galicia conta cun Decreto de Atención á Diversidade que incorporou diferentes protocolos especializados (TDAH, autismo, atención temperá, atención educativa domiciliaria,...).

Formación do profesorado

Un dos principais eixos de actuación é a formación do profesorado, con accións específicas que se levan a cabo en colaboración con entidades especializadas que poñen a disposición os seus profesionais e a súa experiencia. Nesta liña, a Consellería vai seguir apostando pola formación permanente do profesorado, con contido específico sobre o perfeccionamento das competencias docentes co fin de mellorar a calidade e os resultados deste alumnado.

A día de hoxe un total de 73 centros dos 380 que contan con Plan de Formación Permanente teñen un Plan con liña específica en atención á diversidade.

Así mesmo, está en marcha un grupo de traballo coas tres universidades galegas para a mellora da formación inicial e permanente do profesorado no que a escola inclusiva e a atención á diversidade figuran como unha ferramenta transversal que afecta a todas as decisións e fases do proceso.

Outro dos aspectos debatidos foi a posibilidade de abrir un sistema de traballo en rede coas entidades de atención á diversidade, a través da creación dun espazo colaborativo na Aula virtual do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación).

Agradecemento

O conselleiro aproveitou a xuntanza para recoñecer o magnífico labor que este tipo de entidades realizan cada día en prol da integración e da igualdade, e para agradecer a súa colaboración e contribución na construción do sistema educativo do futuro.

Así mesmo comprometeuse a continuar incrementando, desde o seu departamento, os apoios necesarios para atender á diversidade do alumnado. A día de hoxe, no sistema educativo galego hai uns 800 orientadores (ademais de 4 equipos de orientación específica no ámbito provincial, que aglutinan 28 profesionais especialistas nos distintos trastornos de conduta); máis de 2.100 especialistas en Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe; uns 250 profesores de apoio e 640 coidadores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/04/2017