O titular da Xunta recibiu hoxe, da man do alcalde de Porto, a Medalla de Honor da cidade pola súa contribución ás relacións entre o Norte de Portugal e Galicia
Feijóo pide competencia leal e cooperación honesta para intensificar a relación transfronteiriza

Coinciden en que Galicia e Porto comparten horizontes e obxectivos nun momento decisivo para o conxunto de Europa co escenario que se abre tras o Brexit

Recorda que a Estratexia de innovación e desenvolvemento transfronteiriza (RIS3T) aspira mobilizar 360 millóns de euros

Anuncia que a primeira convocatoria do programa Interreg (POCTEP) recibirá 90 dos 243 millóns asignados para toda a fronteira hispano-portuguesa

Salienta que a Agrupación de Cooperación Territorial está a reforzar a colaboración en áreas como a educación, a través do Iacobus; na economía, buscando dinamizar os mercados; e no ámbito institucional, profundando no traballo das eurocidades

Amosan a vontade de traballar xuntos para reforzar o papel de ambos os territorios no mercado de Latinoamérica, e especialmente en Brasil, a través do intercambio de información e de misións conxuntas
 

Porto (Portugal), 18 de abril de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe, durante unha xuntanza co alcalde de Porto, Rui Moreira, competencia leal e cooperación honesta para intensificar a relación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.

Na reunión, ambos os mandatarios apostaron por renovar e actualizar permanentemente os lazos entre os territorios para, xuntos, facer máis Europa; así como afondar e ampliar a todos os niveis posibles a cooperación transfronteiriza e reforzar conxuntamente a cooperación con Latinoamérica. E coincidiron en que Galicia e Porto comparten horizontes e obxectivos nun momento decisivo para España e Portugal, que están a avanzar cara adiante tras anos difíciles, e decisivo tamén para o conxunto de Europa co escenario que se abre tras o Brexit.

Sobre esta liña, o titular da Xunta e Rui Moreira incidiron no compromiso de profundar na colaboración, “porque esa é a forma de facer máis Europa”, afirmou Feijóo, destacando que a cooperación fixo posible que os dous territorios conten cun micromercado común de máis de seis millóns de persoas e co apoio das institucións europeas para o desenvolvemento de proxectos en distintas materias como a innovación, a investigación e a tecnoloxía.

En relación con este último punto, Feijóo salientou, a modo de exemplo, que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial está reforzando este ano a colaboración en áreas como: a educación, a través do programa de cooperación interuniversitaria Iacobus; a cultura, co desenvolvemento do memorando asinado na Coruña en 2015, que permite ampliar os fondos bibliográficos de lingua galega e portuguesa nas bibliotecas dos dous territorios; na economía, buscando dinamizar os mercados; e no ámbito institucional, profundando no traballo das eurocidades.

E recordou tamén que a Estratexia de innovación e desenvolvemento transfronteiriza (RIS3T) aspira mobilizar 360 millóns de euros en proxectos de innovación ata 2020.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico anunciou que a primeira convocatoria do Programa Interreg (POCTEP) recibirá 90 millóns de euros dos 243 millóns asignados para toda a fronteira hispano-portuguesa.

No encontro, os dous mandatarios amosaron ademais a vontade de traballar xuntos para reforzar o papel de ambos os territorios no mercado de Latinoamérica e especialmente en Brasil. “Estamos a falar de intercambio de información e de misións conxuntas como camiños que debemos explorar con máis intensidade”, recoñeceu Feijóo.

Ao longo da xuntanza, o titular da Xunta agradeceu ao alcalde de Porto a súa invitación para visitar a cidade e a entrega da Medalla de Honor, “un incentivo –asegurou- para seguir afondando nas relacións que galegos e portugueses mantemos desde hai tanto tempo”.

Despois da reunión, o titular da Xunta visitou o Parque de Ciencia e Tecnoloxía e o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde, I3S, da Universidade de Porto, onde coñeceu as liñas de colaboración que en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación, están a desenvolver as dúas rexións.

 

Sons relacionados
  • Audio coas declaracións do presidente
  • Audio coas declaracións do presidente
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/04/2017