O DOG publica hoxe a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística do concello coruñés de Teo

Tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Administración local, esta delega na Xunta a función de control e disciplina urbanística de Galicia

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe  a orde pola que se formaliza a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística do Concello de Teo. Na actualidade o número de administracións locais que teñen delegadas as competencias ascende a 66, o que se se traduce nunha superficie de máis de 5.000 km2, nos que viven case 350.000 persoas.

A finalidade última da APLU é velar polo uso racional do solo conforme á normativa urbanística, polo que afirmou que a colaboración e coordinación entre administracións con competencias urbanísticas é un aspecto fundamental.

Coa adhesión, un proceso voluntario, os concellos ceden as súas competencias en favor da APLU, para que sexa esta a que dun modo obxectivo e eficaz protexa a paisaxe da Comunidade. Cómpre lembrar que un dos retos do actual Goberno galego é seguir medrando, polo que se aposta por trasladar aos rexedores municipais os beneficios de estar adheridos á APLU

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial que ten encomendada a función de control e disciplina urbanística en Galicia. As súas principais actuacións son a asistencia técnica e xurídica aos concellos adheridos e a formación e concienciación cidadá, co fin de que os operadores xurídicos e técnicos, así como a cidadanía en xeral, estean formados en valores proteccionistas do noso patrimonio natural. Tamén se inclúe a tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores, e a protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

As cifras dos concellos adheridos


O número total de concellos adheridos á APLU ascende a 66, co seguinte reparto provincial: 24 na Coruña 20 na de Ourense, na provincia de Lugo 11 e outros 11 na de Pontevedra. En total suman suman 5.269 quilómetros cadrados, o que se traduce nun 17% da superficie total de Galicia (1.787 km2 na provincia da Coruña, 1.592 km2 na de Lugo, 1.243 km2 en Ourense e 647 km2 en Pontevedra).

En relación co número de habitantes, os 66 concellos adheridos á APLU suman un total de 344.827 habitantes, estando a provincia da Coruña na cabeza con 162.861, 30.221 na de Lugo, 58.687 na provincia de Ourense e 93.058 na de Pontevedra. É dicir, un 12,6% da poboación total de Galicia.

Data de actualización: 19/04/2017