Conde avalía cos empresarios de Vilalba os programas da Xunta para impulsar a creación de emprego e fomentar o emprendemento

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, pon en valor o Plan de captación de investimentos para atraer empresas e capital a Galicia

Esta iniciativa inclúe, entre outros mecanismos, o impulso da Oficina Doing Business e a aprobación da Lei de implantación empresarial

A Xunta vén de activar para a elaboración desta normativa unha plataforma cidadá para recoller propostas dos autónomos, emprendedores, empresarios e particulares para que se axuste ás necesidades do tecido produtivo

O titular de Economía resalta as axudas para a mellora de infraestruturas en parques empresariais e para a creación de viveiros industriais

Conde lembra os programas para favorecer o emprendemento no rural e salienta as medidas incluídas na Estratexia Autónomo 2020

Destaca o incremento en Vilalba na creación de empresas en 2016, un 77% máis que en 2015

Vilalba (Lugo), 19 de abril 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos empresarios de Vilalba para escoitar as súas demandas e expoñer as ferramentas coas que conta a Xunta para impulsar a creación de emprego de calidade e fomentar o emprendemento, en especial as que van dirixidas ás pemes galegas.

Deste xeito, tras coñecer de primeira man as principais preocupacións do sector empresarial de Vilalba, Conde explicou as iniciativas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha para apoiar a internacionalización e innovación das pequenas e medianas empresas galegas e as medidas para favorecer o labor dos autónomos.

O titular de Economía salientou o Plan de captación de investimentos en Galicia co que a Xunta está a poñer en valor a capacidade industrial, loxística e xeoestratéxica da Comunidade e está a desenvolver medidas de maneira coordinada co resto de administracións para atraer empresas e capital.

Esta folla de ruta inclúe, entre outros mecanismos, o impulso da Oficina Doing Business para axilizar a interlocución cos investidores e entre os diferentes departamentos da Xunta a través dunha xanela única, e a aprobación da Lei de implantación empresarial coa que se busca favorecer a xeración de actividade industrial mediante a simplificación da tramitación administrativa, desenvolvendo mellores axudas e apoios ás actividades empresariais e levando a cabo actuacións específicas que contribúan á dinamización do tecido empresarial.

A Xunta vén de activar unha plataforma cidadá para recoller propostas para a elaboración desta normativa, polo que autónomos, emprendedores, empresarios e particulares xa poden enviar as súas achegas a través do enderezo electrónico doingbusiness@xuntal.gal. O obxectivo é deseñar unha Lei que se axuste ás necesidades do tecido produtivo.

Así mesmo, Conde expuxo os apoios da Administración autonómica para a habilitación e mellora de infraestruturas en parques empresariais e para a creación de viveiros industriais promovidos polos concellos. En 2016, a Consellería concedeu axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais lucenses e a creación de viveiros de empresas por importe de 1,1 millóns de euros.

Tamén informou aos empresarios sobre a previsión de cobertura para dotar aos parques empresariais da provincia de Lugo de fibra óptica para 350 Mbps, a través do Plan de banda larga de Galicia 2020, e dos avances e previsións a través do Plan de gasificación 2015-2020.

Estratexia Autónomo 2020
O conselleiro, ademais, lembrou as actuacións da Estratexia Autónomo 2020, aprobada en Consello da Xunta o pasado mes de febreiro, que supón a posta en marcha de 20 medidas cun presuposto de 160 millóns de euros para os vindeiros catro anos e que inclúe iniciativas que buscan facilitar a incorporación de novos autónomos, mellorar a conciliación e favorecer o relevo xeracional.

Conde salientou, doutra banda, o esforzo da Consellería de Economía, Emprego e Industria por aumentar as oportunidades de negocio nos concellos rurais cunha serie de medidas ás que se dedicarán 30 millóns de euros. Trátase de varios programas que pretenden incentivar a contratación, aumentar os niveis de emprendemento e fixar o tecido empresarial. Entre eles, destacan a iniciativa Galicia Rural Emprende para diversificar e crear novas empresas non agrícolas no rural; a mellora dos incentivos á contratación; os espazos de emprendemento activos de comercio ou o impulso de centros coworking.

O conselleiro tamén se referiu á Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020 que, a través de tres programas —Galicia Exporta Organismos Intermedios, Xestores de Internacionalización e mais Galicia Exporta Empresas— permitirá a internacionalización de máis de 500 pemes galegas cun investimento de 8 millóns de euros.

Por último, o conselleiro puxo en valor o esforzo e labor que están a levar a cabo os empresarios de Vilalba para crear máis oportunidades laborais. De feito, a creación de empresas nesta localidade incrementouse en 2016 nun 77% con respecto a 2015.

Data de actualización: 19/04/2017