A Xunta renovará o web oficial de toponimia para a normalización, xeolocalización e difusión da toponimia galega

As consellerías de Cultura e Educación e Medio Ambiente e a Amtega colaboran na elaboración deste portal, así como na publicación dunha nova edición do Nomenclátor

Ademais de revisar os 30.000 nomes que xa figuran coas coordenadas, xeorreferenciaranse arredor de 10.000 nomes de entidades de poboación que figuran no Nomenclátor da Xunta de Galicia e que non os posúen

Santiago, 27 de xuño de 2016
  • whatsapp whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe un adianto do novo portal oficial de Toponimia de Galicia (toponimia.xunta.gal), un web que será actualizado ao abeiro da colaboración entre a Vicepresidencia autonómica, as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio -a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET)- e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a renovación desta ferramenta e para a publicación dunha nova edición do Nomenclátor da Xunta de Galicia. Na presentación participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Amtega, Mar Pereira; a directora do IET, Inés Santé; e mais Xesús Ferro Ruibal, membro da Real Academia Galega.

Tanto no novo web como na versión actualizada do Nomenclátor revisaranse os 30.000 nomes que xa figuran coas coordenadas, e xeorreferenciaranse arredor de 10.000 nomes de entidades de poboación que figuran no Nomenclátor da Xunta de Galicia e que non as posúen, que quedarán incluídos. Neste momento xa se están a realizar os traballos de campo e de recompilación de información lingüística e xeográfica para publicar ambas as ferramentas antes de que remate o ano.

O obxectivo destas actuacións é elaborar un novo Nomenclátor corrixido e actualizado que sexa fonte única de información oficial e normalizada para todas as Administracións e para cartografía de Galicia, evitando duplicidades, así como divulgar este documento xeorreferenciado entre organismos públicos (locais, autonómicos e estatais), empresa privada e público en xeral. A introdución das coordenadas xeográficas de cada topónimo para localizalo a través das novas ferramentas TIC permitirá o seu uso en aplicacións de uso habitual na actualidade como navegadores de vehículos ou buscadores de enderezos.

Por outra banda, o renovado web do Proxecto Toponimia de Galicia contará con contidos divulgativos destinados a difundir o valor, riqueza e singularidade dos topónimos galegos, protexidos pola Lei de normalización lingüística e recoñecidos como parte do noso patrimonio inmaterial pola Lei para a salvagarda do patrimonio inmaterial do Estado español e pola Lei de patrimonio cultural de Galicia.

Así mesmo, a medio e longo prazo, procurarase a colaboración de asociacións e particulares na recompilación e xeolocalización da microtoponimia. Esta iniciativa dá continuidade, asemade, aos traballos que o Goberno galego realiza a través do Proxecto Toponimia de Galicia, tanto a nivel autonómico como municipal. De feito, o novo web permitirá consultar o estado do proxecto nos diversos concellos galegos.


Quince anos de andaina

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que o Proxecto Toponimia leva xa máis de 15 anos de andaina, no que toda a Xunta está implicada nel, e destacouno coma un proxecto de gran importancia cultural e histórica, que contribúe á recuperación dunha parte tan rica do noso patrimonio, coma é a toponimia.
Rueda incidiu que este proxecto é unha iniciativa aberta á cidadanía, no que pode colaborar, xa que coa nova aplicación poderán facer as súas achegas e enriquecer aínda máis as bases de datos, dispoñible para PC, tableta e smartphone, que permite así a recollida e xeorreferenciación da microtoponimia galega.


O Proxecto Toponimia de Galicia, posto en marcha no ano 2000 como un proceso complementario ao Nomenclátor de Galicia, aborda a recuperación do que se vén chamando microtoponimia, é dicir, a toponimia referente ás entidades xeográficas distintas dos núcleos de poboación, tales como terras de cultivo, cursos de auga, outeiros e montes. A iniciativa naceu coa intención de salvar un patrimonio que en Galicia é particularmente rico, debido a factores diversos como o espallamento da poboación no territorio, a división da terra en parcelas moi pequenas ou a orografía.
 

Divulgación da toponimia
O secretario xeral de Política Lingüística salientou a colaboración decisiva do seu departamento na recuperación e fixación dos topónimos na súa forma lingüística, en estreita colaboración coa Real Academia Galega. Así mesmo, sinalou a importancia do portal Toponimia de Galicia en prol da modernización da imaxe da lingua e cultura galegas, ao tempo que como estratexia de divulgación das singularidades dos nomes dos lugares galegos e da súa orixe. Esta iniciativa funciona, asemade, como forma de sensibilizar a poboación da urxencia que ten recoller, protexer e difundir este tesouro cultural.

Pola súa parte a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou que toponimia.xunta.gal será a cara visible dunha iniciativa que xeorrefencia toda a toponimia de Galicia. Pereira enmarcou esta iniciativa nas medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para dixitalizar o patrimonio cultural material e inmaterial da Comunidade e destacou que a tecnoloxía nos ofrece solucións avanzadas para preservar o noso patrimonio e para facelo universal e accesible a todo o mundo. A directora da Amtega apuntou que se está a traballar para que no medio prazo calquera veciño, asociación ou institución desde un PC, unha tableta ou smartphone conectado a internet, poidan facer a recolleita da microtoponimia da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida, introducila nunha base de datos e xeorreferenciala.

Un portal colaborativo
A renovación do portal de Toponimia de Galicia afecta ao deseño, que é máis actual e atractivo, pero tamén a aspectos como a súa usabilidade; de tal forma que o novo web poderá visualizarse en PC, móbil intelixente ou tableta, o que facilitará o seu uso por exemplo en viaxes. Ademais, incluirá contidos atractivos para achegar á sociedade a importancia da toponimia e dar a coñecer a riqueza e variedade dos nomes de lugar galegos.

Segundo a demostración amosada hoxe, o portal estará dividido en diversas seccións. Na centrada na divulgación arredor da toponimia, ademais de dar a coñecer o labor da Comisión de Toponimia -órgano asesor da Xunta de Galicia nesta materia- haberá unha pestana de normativa e outra con publicacións (con acceso aos pdf correspondentes sempre que iso é posible) e ligazóns.

Outra das seccións estará dedicada a achegarlle á sociedade o Proxecto Toponimia de Galicia e os seus resultados. Nela darase conta do estado do proxecto nos diversos concellos galegos, anunciaranse as exposicións públicas de toponimia que se fan nos diferentes concellos e darase a coñecer a metodoloxía do proxecto.

Así mesmo, porase a disposición da cidadanía un apartado chamado 'Colabora', que albergará unha aplicación que lle ofrecerá ao voluntariado cultural de Galicia facilidades para contribuír a un proxecto coma este, que salvagarda o noso patrimonio cultural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/06/2016