A Xunta pon en marcha o Comité de seguimento dos PXE 2017, encargado de verificar que os orzamentos se executan e os compromisos con Galicia se cumpren

“En definitiva, estamos a falar de que as obras avancen, que os proxectos pendentes se concreten e que os compromisos adquiridos se confirmen como execución real e efectiva de presuposto”, di Feijóo

Este órgano estará formado inicialmente polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administración Pública e Xustiza; a Consellería de Facenda; a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; e a consellería de Infraestruturas e Vivenda

O comité fará unha labor de recollida de datos, de seguimento e, no caso de que sexa preciso, unha labor de alerta, que se porá en marcha se se comproba que o nivel de execución non é o óptimo
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a creación do Comité de seguimento dos Presupostos Xerais do Estado 2017, encargado de verificar que os orzamentos se executan e os compromisos do Goberno central con Galicia se cumpren. “En definitiva, estamos a falar de que as obras avancen, que os proxectos pendentes se concreten e que os compromisos adquiridos se confirmen como execución real e efectiva de presuposto”, abundou.

Logo de lembrar que as previsión do Ministerio de Fomento apuntan a un investimento directo en Galicia de preto de 900 millóns de euros, un 53% máis que o diñeiro que se gastou de forma efectiva o ano pasado, Feijóo subliñou que este comité traballará de xeito compatible ao que ten comprometido o ministro de Fomento: vir a Galicia cada tres meses a facer balance, tendo tamén unha periodicidade trimestral.

Se ben o comité nace para avaliar de xeito concreto os presupostos deste 2017, Feijóo avanzou a intención de que siga funcionando nos anos seguintes, co obxectivo de que o AVE entre en Galicia conforme ao prazo comprometido polo Goberno actual.

Así mesmo, este órgano estará formado inicialmente polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administración Pública e Xustiza; a Consellería de Facenda; a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; e a consellería de Infraestruturas e Vivenda. Malia que, se fose necesario nalgún exercicio, está aberta a incorporación doutras consellerías.

En relación ao seu funcionamento, Feijóo explicou que o comité fará unha labor de recollida de datos nun dobre sentido: por un lado, información sobre os proxectos en marcha e, por outro, información sobre os proxectos pendentes de desbloquear.
A esta labor seguiralle unha de seguimento e, no caso de que sexa preciso, unha labor de alerta, que se porá en marcha se se comproba que o nivel de execución non é o óptimo.

Feijóo concluíu incidindo no compromiso do Goberno central con Galicia reflectido tamén nos 500 millóns de euros que se destinan ao AVE e no esforzo inversor en infraestruturas viarias, que debe permitir un avance Nos treitos pendentes da autovía Santiago-Lugo e noutros eixes de comunicación pendentes na Comunidade, nos enlaces da AP-9 en Santiago ou na Variante Norte de Ourense.

A isto hai que engadir, ademais, 138 millóns de euros en obras que realizan as sociedades concesionarias das autoestradas, como as ampliacións da AP-9 en Santiago e Vigo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/04/2017