O presidente da Xunta reuniuse esta tarde coa presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, Pilar Platero
Feijóo e a SEPI coinciden no compromiso de seguir garantindo carga de traballo para o estaleiro de Ferrol

Destacan a necesidade de traballar de cara a consecución de novos pedidos que reforcen a carga de traballo xa existente, así como na xeración de novos empregos que respondan ás esixencias das novas tecnoloxías

Valoran a posta en marcha por parte da Xunta dun plan sectorial de formación especializada para 3.000 traballadores do sector naval galego

O encontro serviu como primeira toma de contacto, logo de que, o pasado 7 de abril, Esteban García Vilasánchez fose nomeado presidente de Navantia

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017
  • whatsapp

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Pilar Platero, coincidiron hoxe, durante unha xuntanza, no compromiso de seguir traballando para garantir carga de traballo para o estaleiro de Ferrol.

Ben que ambos os dous recoñeceron os avances que o estaleiro experimentou nestes últimos anos, tanto Feijóo como Pilar Platero destacaron a necesidade de traballar de cara a consecución de novos pedidos que reforcen a carga de traballo xa existente, así como na xeración de novos empregos que respondan ás esixencias das novas tecnoloxías.

Sobre este punto, valoraron a posta en marcha por parte da Xunta dun plan sectorial de formación especializada para 3000 traballadores do sector naval galego. Un plan que, cun investimento de 12 millóns de euros e 170 cursos, ten como obxectivo facer fincapé nas novas tecnoloxías vinculadas coa industria 4.0, ademais de incluír a modernización de centros formativos en Ferrol e Vigo.

Nesta liña, hai que lembrar que aínda que a construción militar continúa a ser a principal actividade de Navantia en Ferrol, a reparación de buques dedicados ao transporte de gas natural licuado adquiriu unha grande importancia no estaleiro, así como a súa capacidade produtiva en eólica offshore.

Cómpre salientar que o encontro serviu como primeira toma de contacto, logo de que, o pasado 7 de abril, Esteban García Vilasánchez fose nomeado presidente de Navantia, a quen lle desexou sorte na súa nova andaina profesional.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/04/2017