A Xunta mantén aberto ata o vindeiro luns, 24 de abril, o prazo de solicitude de axudas para proxectos de biomasa

Permitirán un aforro de dous millóns de euros na subministración enerxética a familias, empresas e administracións

Os apoios enmárcanse dentro da Estratexia integral de impulso á biomasa que busca fomentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxías convencionais, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén abertas, ata o vindeiro luns, 24 de abril, as convocatorias para solicitar axudas para proxectos de biomasa que permitirán a familias, empresas e administracións aforrar case dous millóns de euros na subministración enerxética, xa que os apoios poden chegar ata o 80% do investimento.

A Consellería destinará preto de 7 millóns de euros a estas dúas ordes de axudas coas que se prevé mobilizar 13 millóns no sector, ademais dun aforro de 5 millóns de litros de gasóleo anuais e unha redución de emisións de 15.000 toneladas de CO2.

Por unha parte, está aberta unha convocatoria dotada con fondos Feder destinada a empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, cun orzamento de máis de 4,6 millóns de euros e apoios de ata 200.000 euros por proxecto e un millón por beneficiario. Os criterios de valoración priman os equipos máis eficientes e inclúen as características do equipo xerador, o grao de utilización da instalación segundo uso e demanda, a calidade enerxética do combustible empregado ou o almacenamento de biomasa.

A segunda das convocatorias está dotada con máis de 2,2 millóns de euros e está destinada aos fogares galegos dentro do Plan de vivenda da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ao abeiro deste programa, os particulares poden beneficiarse de axudas de ata 50.000 euros por proxecto. Cofinanciados con fondos Feader, os apoios céntranse no rural, excluíndo as zonas densamente poboadas que maioritariamente se sitúan nas sete grandes cidades. Entre os criterios de valoración primarán tamén os equipos máis eficientes e o uso da instalación, ademais da localización xeográfica.

Grazas a estas convocatorias o ano pasado instaláronse preto de 1.200 caldeiras. A estas dúas liñas de axudas sumouse esta semana a destinada a impulsar proxectos singulares de redes de distribución de calor con biomasa (district heating), que o ano pasado se puxo en marcha por primeira vez. O programa, dotado con fondos Feder, conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e con axudas de ata un millón de euros por proxecto ou beneficiario.

Como novidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará, proximamente, unha nova convocatoria específica, cun orzamento de 600.000 euros, para impulsar as enerxías renovables no sector agroalimentario, dentro da cal se prevé destinar preto da metade ao fomento da biomasa con fins térmicos.

Instalación de 4.000 caldeiras


As catro ordes póñense en marcha no marco da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, que promove o uso deste combustible con fins térmicos para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes, xerar emprego cualificado e mellorar a calidade de vida da cidadanía. Coa activación de todas estas axudas, ao remate de 2017 levarase apoiado a instalación de 4.000 caldeiras de biomasa en fogares, administracións e empresas galegas desde a posta en marcha da estratexia en 2014.

Estes apoios impulsan o sector da biomasa térmica como combustible autóctono, renovable e respectuoso co medio ambiente, e súmanse a outros proxectos promovidos desde a propia Administración galega, como a rede de subministración de enerxía térmica xerada con biomasa -district heating- no complexo administrativo de San Caetano, que entrou en funcionamento en decembro; o impulso do uso da biomasa no Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través do Programa EcoHospital; ou as actuacións realizadas en varios edificios xudiciais da Xunta de Galicia.

O Goberno galego tamén puxo en marcha o Foro da Biomasa, e conta co Observatorio da Biomasa, un portal web (www.observatoriobiomasa.gal) no que se realiza un seguimento da actividade dos axentes que forman parte deste sector en Galicia co obxectivo principal de impulsar o seu desenvolvemento e modernización con fins enerxéticos.

Data de actualización: 21/04/2017