O ‘Tic, Tac, Toc’ do ‘FalaRedes’ fai parada en Barbadás, Outeiro de Rei e Burela

A actividade musical está dirixida a familias con nenos e nenas de ata sete anos

O músico e cantante coruñés é unha das figuras máis destacadas da música infantil actual

Ubú Teatro e ‘A galiña azul’ despediron a súa andaina nesta edición, logo de levar o seu espectáculo a 21 municipios

Como é habitual neste programa de dinamización, a entrada ás actividades é libre e de balde ata completar a capacidade das salas

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017
  • whatsapp

O FalaRedes, programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nos municipios de Barbadás, Outeiro de Rei e Burela. Nas tres localidades os protagonistas serán Pablo Díaz e o seu espectáculo musical ‘Tic, Tac, Toc’.

O sábado terá lugar o primeiro dos concertos, que acollerá a Casa da Cultura de Barbadás, ás 19:00 horas. O domingo, Pablo Díaz e a súa banda terán función dobre: á mañá (12:00 horas) o ‘Tic, Tac, Toc’ poderá gozarse na Casa da Cultura de Outeiro de Rei e, á tarde (18:00 horas), a cita será no Auditorio da Casa da Cultura de Burela.

Pablo Díaz, que se acompaña nesta ocasión por Diego Barral (guitarra) e Álex Fente (acordeón), é unha das figuras máis recoñecidas da música infantil. O espectáculo co que participa neste FalaRedes 2017, pensado para familias con nenos e nenas de ata sete anos, busca a transmisión efectiva da lingua a través da música e está a ter unha importante acollida de público desde o arranque da súa xira o pasado mes de marzo no marco da sexta edición programa.

Adeus a ‘A galiña azul’

A semana pasada pechou o seu paso polo Falaredes ‘A galiña azul’, unha adaptación que fixo Ubú Teatro do libro de Carlos Casares. Baixo a produción da Editorial Galaxia, a obra percorreu 21 municipios galegos entre o 3 de marzo e o 12 de abril nunha xira que contou cun importante número de asistentes.

Nela, e recorrendo a diferentes técnicas de narración oral e ata monicreques, Ubú Teatro revisou un texto xa clásico da nosa literatura infantil. Coa actividade, o Falaredes quería renderlle tributo ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras e, á vez, recuperar a mensaxe profundamente humanista da súa obra, que é un verdadeiro canto á diversidade cultural e á liberdade de expresión. Todas as familias que asistiron ás funcións recibiron un exemplar do libro homónimo de Carlos Casares, nunha edición especial que fixo Galaxia para a RDL.

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2017