O titular da Xunta presidiu o acto conmemorativo do XXV aniversario do Consello de Contas de Galicia
Feijóo salienta que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control

Lembra que esas medidas foron despois emuladas noutros lugares e destaca que a ampliación de competencias do Consello de Contas foi unha delas

Afirma que a democracia galega foi unha democracia previsora cando introduciu esta figura nos primeiros proxectos de Estatuto, e agora é unha democracia que responde con axilidade e eficacia ao reto que supoñen as malas prácticas

Subliña que o Consello de Contas proba que a democracia é capaz de establecer controis efectivos e independentes que axuden á súa rexeneración

Sostén que a superación das malas prácticas depende de opoñer transparencia á opacidade; control á arbitrariedade; e Estado de Dereito a dereitos sen Estado
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control, “que logo foron emuladas noutros lugares”, dixo, lembrando que a ampliación de competencias do Consello de Contas foi unha delas.

Durante o acto conmemorativo do XXV aniversario do Consello de Contas de Galicia, Feijóo afirmou que a democracia galega foi unha democracia previsora cando introduciu esta figura nos primeiros proxectos de Estatuto, e agora é unha democracia que responde “con axilidade e eficacia” ao reto que supoñen as malas prácticas.

Para o presidente da Xunta, tanto os pais do Estatuto como os que hoxe teñen responsabilidades institucionais demostran que a democracia é capaz de establecer controis efectivos e independentes que axuden á súa rexeneración. “Velaí o traballo fecundo do Consello de Contas desde 1991. E velaí os cambios normativos que o adecúan aos novos desafíos”, recordou, ao que engadiu que, a partir do ano 2015, o Consello de Contas será a primeira institución de control externo de España con ese cometido.

“Galicia aposta desde os albores da súa democracia por un órgano de control externo que, seguindo a analoxía sanitaria, chequea o corpo institucional e administrativo do país”, explicou, facendo fincapé en que, máis adiante robustece o Consello de Contas con novas competencias, seguindo un modelo diferente a aqueles que se basean na creación de organismos técnicos específicos pero dispersos. “O noso modelo funciona, adáptase e colabora decisivamente na confianza social na democracia”, asegura.

Ao respecto, Feijóo expresou o convencemento de que a superación das malas prácticas depende de opoñer transparencia á opacidade; control á arbitrariedade; Estado de Dereito a dereitos sen Estado. “E depende igualmente de engadir o plus de exemplaridade”, abundou.

O presidente do Goberno galego concluíu trasladando os parabéns ao Consello de Contas por contribuír a que “esta xoven democracia teña as contas claras”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2017