A directora de Turismo de Galicia asistiu hoxe á sesión do Consello Galego do sector
Nava Castro presenta a nova Estratexia de Turismo de Galicia co horizonte no ano 2020

Explica que se trata dunha folla de ruta que contou para a súa elaboración coa participación de todos os axentes que conforman a cadea de valor do sector

Asegura que a través do mesmo fortalecerase a competitividade do turismo galego e o seu posicionamento como sector clave na economía galega

Di que os obxectivos para 2020 pasan por incrementar en máis dun 21% os turistas e impulsar o peso do turismo internacional ata representar máis do 33% do total

  • whatsapp

Santiago, 21 de abril de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe na sesión do Consello Galego de Turismo que tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela, a nova Estratexia de Turismo de Galicia co horizonte no 2020 que fortalecerá a competitividade do turismo galego e o seu posicionamento como sector clave na economía galega.

Nava Castro explicou que se trata dunha folla de ruta que contou para a súa elaboración coa participación de todos os axentes que conforman a cadea de valor do sector turístico galego a través dun proceso participativo cun amplo traballo de campo e unha profunda análise estratéxica.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que os seus obxectivos e actuacións buscan a mellora da competitividade do noso turismo, o seu posicionamento como sector clave na economía galega e a consolidación da nosa comunidade como un destino diferenciado a nivel global, competitivo, sustentable e adaptado aos cambios do mercado.

Así mesmo, explicou que a Estratexia incide no incremento dos turistas tanto nacionais como internacionais establecendo uns ambiciosos obxectivos sectoriais para o 2020 que pasan por incrementar en máis dun 21% os turistas que chegan a Galicia, ata acadar os 6.000.000, e impulsar o peso do turismo internacional ata representar máis do 33% do total, o que se traduce en 2.000.000 de visitantes estranxeiros. “Ademais traballaremos para mellorar a rendibilidade do sector a través do incremento da ocupación e o gasto medio que deixa o turista en Galicia”, engadiu.

Segundo sinalou Nava Castro, para logralo o plan establece 11 liñas de actuación que abarcan un total de 90 propostas de acción e conta cun investimento total para a súa implantación que supera os 240.500.000 euros.

Balance anual

Durante a sesión de hoxe, ademais, este foro participativo dos axentes públicos e privados do eido do turismo galego fixo balance sobre a situación do turismo en Galicia.

Durante o mesmo, destacouse o importante crecemento da demanda turística rexistrado en Galicia no pasado ano 2016 a cal incrementou a súa cifra de viaxeiros nun 7,4% e o seu volume de noites nun 9,2%, en relación ao anterior ano 2015. Neste senso, resaltouse que grazas a estes incrementos, a nosa comunidade acadou o pasado ano máximos históricos con preto de 5 millóns de viaxeiros e máis de 10 millóns de pernoitas.

Por outra parte, quedou de manifesto a internacionalización de Galicia como destino ao acadar o turismo internacional no pasado ano máximos históricos tanto de viaxeiros e pernoitas como de peso no conxunto da demanda, acadando os 1,4 millóns de viaxeiros e acadando case as 2,3 millóns de pernoitas e representando o 27,9% dos viaxeiros e o 23% das pernoitas totais.

Outro dos indicadores destacados foi a ocupación que tamén viuse incrementada na nosa comunidade no 2016 en todas as tipoloxías regradas acadando os cámpings, os hoteis, os apartamentos turísticos e os establecementos de turismo rural un crecemento superior aos 2 puntos porcentuais.

Pola súa parte, no ámbito concreto do Camiño de Santiago tamén o 2016 foi un ano de récord ao selar a súa Compostela preto de 278.000 peregrinos, un máximo histórico que supón un incremento do 5,9% en relación ao 2015.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2017