O presidente da Xunta clausurou, este mediodía, o foro A peme como base da economía sustentable
Feijóo resalta o papel relevante que están a ter as pemes galegas para que a comunidade manteña o seu nivel exportador no que vai de ano

Salienta que segundo os últimos datos ata febreiro, as exportacións seguen a tendencia ascendente, crecendo un 8,8% con respecto ao mesmo período de 2016

Lembra que 2016 foi o ano no que máis creceron as exportacións, superando por primeira vez os 20.000 millóns de euros de facturación

Incide en que as pemes, como piar fundamental do crecemento e do emprego, se sitúan no centro das políticas económicas da Xunta

Celebra que “por fin” estea despexado o futuro do Campus do Mar de tal xeito que se poida investir nun proxecto que sitúe á Universidade de Vigo dentro das mellores de España e de Europa nese ámbito
 

Vigo, 21 de abril de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe en valor o papel relevante que están a ter as pemes galegas para que a comunidade manteña o seu nivel exportador no que vai de ano. Unhas cifras que, segundo os últimos datos ata febreiro, indican que as exportacións seguen a tendencia ascendente, crecendo un 8,8% con respecto ao mesmo período de 2016.

Así mesmo, lembrou que 2016 foi o ano no que máis creceron as exportacións, superando por primeira vez os 20.000 millóns de euros de facturación e Galicia foi a segunda comunidade coa mellor balanza comercial. Non en van, desde 2009, son un 30% máis de empresas galegas as que facturan no exterior, cun volume de vendas un 34% maior que hai oito anos.

Diante destas cifras, o responsable do Goberno galego subliñou que as pemes, como piar fundamental do crecemento e do emprego, se sitúan no centro das políticas económicas da Xunta.

Exportar máis e mellor e investir en innovación e en calidade de emprego
Así, salientou que a Xunta seguirá apoiando as pemes coa súa estratexia de internacionalización, como o está a facer a través de servizos de apoio nos países de destino ou con axudas para contratar persoal especializado na xestión internacional da empresa, entre outras medidas.

Co obxectivo de seguir apostando pola innovación, Feijóo resaltou que o Goberno galego pon á disposición dos emprendedores 800 millóns de euros nesta materia, coa Axenda Galicia-Industria 4.0 que conta cun orzamento de 175 millóns para modernizar as fábricas galegas; con programas de innovación como o Conecta Peme ou Interconecta –con preto de 1.100 empresas beneficiadas-; así como o labor da rede de aceleradoras e das unidades mixtas de investigación.

O presidente autonómico referiuse tamén aos plans de formación específica para acompasar a cualificación da man de obra aos avances tecnolóxicos que se están a producir en sectores como o naval ou a automoción, sabedores de que o marco laboral e formativo ten que anticiparse ás necesidades das empresas do futuro. E destacou, ademais, que o renovado programa Galicia 1000 achegará este ano preto de 100 millóns de euros en préstamos ou avais para axudar ás pemes e aos emprendedores a sacar adiante os seus proxectos.

Nesta mesma liña, celebrou que “por fin” estea despexado o futuro do Campus do Mar de tal xeito que a Xunta poida investir nun proxecto que produce innovación e que sitúa á Universidade de Vigo dentro das mellores de España e de Europa no ámbito das ciencias do mar.

Ao mesmo tempo, para crear unha rede industrial máis atractiva para aquelas empresas que queiran fixar a súa produción en Galicia, Feijóo lembrou que a Lei de implantación empresarial na que se está a traballar facilitará, en termos administrativos, implantarse en solo industrial galego. Unha lei que se sumará a outras iniciativas xa en marcha como: os descontos de ata o 50% no solo industrial, o dereito de superficie por 30 anos cuns prezos entre os 0,90 céntimos m2 e os 2 € m2 ou a Oficina Doing Business.

Logo de salientar o dinamismo que o tecido empresarial galego amosou durante a recesión económica para non estancarse e buscar no exterior novos nichos de mercado, o presidente da Xunta avogou por seguir traballando neste camiño.

Feijóo concluíu incidindo en que os datos das previsións para este 2017, que anticipan un crecemento da economía galega de entre o 2,5% e do 2,8%, reflicten que Galicia é unha comunidade solvente e un bo lugar para vivir, investir e traballar.


 

Imaxes relacionadas
Departamento: A Presidencia
Data de actualización: 21/04/2017