A provincia da Coruña ten en marcha 47 procesos de reestruturación parcelaria que afectan a máis de 50.000 hectáreas de terreo

Hoxe constituíuse o Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria

No Plan de concentración parcelaria de 2016 destináronse 8,5 millóns de euros a obras na provincia da Coruña

A Coruña, 21 de abril de 2017
  • whatsapp

Informar e coordinar os procesos de reestruturación parcelaria é o obxectivo do Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria da provincia de A Coruña, que foi constituído hoxe na Delegación Territorial.

Este comité ponse en marcha con carácter provincial a través da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia e está composto por representantes dos distintos organismos e entidades con competencias na zona de actuación co obxectivo de coordinar as distintas tramitacións que se deben levar a cabo durante o proceso de concentración parcelaria.

O comité tamén ten como outra das súas funcións principais analizar as situacións preexistentes, as actuacións previstas e as incidencias ocorridas durante os procesos de reestruturación parcelaria.

A presidencia deste órgano recae no delegado territorial da Xunta e forman parte dela o secretario xefe da Área Xurídica, así como responsables do Agader e dos servizos de Infraestruturas Agrarias, de Explotacións Agrarias, de Montes e da Loita contra Incendios. Tamén estiveron presentes responsables do Servizo de Conservación da Natureza, de Augas de Galicia e de Urbanismo, así como de Patrimonio Cultural e representantes das organizacións sindicais.

Na actualidade, na provincia da Coruña estase a traballar en 47 procesos de reestruturación parcelaria, que afectan a 50.783 hectáreas de terreo. Dúas destas concentracións, as de Santa María de Leira en Ordes e a de Touro-Quión, xa están rematadas e só falta a entrega de títulos. Noutros sete procesos o acordo xa é firme. Son as reestruturacións de Touro-Loxo-Enquerentes-Fonterrosos-Ribeira II; Maceda-Orois, en Melide; Nebra, en Porto do Son; Covas-Esmelle-Mandiá-Marmacón, en Ferrol; Couso, en Coristanco; Outes-Valadares e Budiño II, en O Pino.

Por outra banda, outras 24 reestruturacións teñen acordo sen firmeza –en 19 delas os novos propietarios xa tomaron posesión dos novos predios- e 14 procesos están no inicio de proceso, nas fases de decreto, bases e proxecto. O delegado territorial avanzou que no plan de concentración parcelaria de 2016 destináronse 8,5 millóns de euros a obras na provincia da Coruña. A maior parte destinouse á execución de obras de camiños principais e secundarios.

Na súa intervención, Ovidio Rodeiro asegurou que a Xunta de Galicia manterá o esforzo orzamentario para sumar máis concellos e parroquias a estes procesos de reestruturación parcelaria, xa que “son auténticos motores de dinamización e desenvolvemento do rural, que permiten incrementar e reforzar a produción do sector gandeiro”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2017