A Xunta investirá máis de 381.000 euros na mellora da eficiencia enerxética de 45 vivendas de promoción pública en Becerreá

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se licitan as obras, consistentes no illamento térmico das fachadas

Becerreá (Lugo), 21 de abril de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia destinará 381.291,65 euros á execución de obras de mellora da eficiencia enerxética de 45 vivendas de promoción pública emprazadas en Becerreá (Lugo). O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo pola que se licita a execución das obras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o lugar e explicou o proxecto de obras, que consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas, realizaranse nas vivendas emprazadas na rúa Ancares 18-32, en Becerreá (Lugo).

As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. O prazo de execución das obras será de catro meses dende o inicio das mesmas.

As empresas interesadas dispoñen de 26 días naturais para presentar as súas ofertas.

O IGVS ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades de toda Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2017