A Xunta somete a información pública a construción da senda entre A Barcia e Roxos, na que investirá un millón de euros

O proxecto, que contempla a construción dun itinerario peonil e ciclista de algo máis de 2,3 quilómetros, afecta a 18 fincas e admite alegacións ata o 5 de xuño

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a zona e destacou a aposta da Consellería de Infraestruturas por ofrecer alternativas ao tráfico
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer esta mañá aos veciños o proxecto de construción de senda peonil e ciclista entre A Barcia e Roxos, que suporá unha inversión de preto dun millón de euros na seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños da zona. Rodeiro estivo acompañado por varios representantes da asociación veciñal, que cualificaron a infraestrutura de “moi necesaria”.

O proxecto atópase na actualidade en proceso de presentación de alegacións, prazo que fica aberto ata o vindeiro 6 de xullo. O documento de expropiacións redactouse en base á información dispoñible no rexistro do catastro afectadas polas obras 18 fincas.

A actuación inclúe unha senda peonil na marxe dereita da AC-543 que terá unha lonxitude aproximada de 2.400 metros no lugar de Barcia, no punto no que finalizará a senda que se está a construír actualmente. A sección tipo consta dunha senda cun mínimo de 1,8 m de ancho, de formigón coloreado e separada da calzada por unha zona axardinada, mais os bordos de separación. Ademais proxéctase unha pasarela de madeira de dous metros de ancho e 42 de longo coa fin de salvar o regato existente.

Nesta mesma estrada foron seleccionados outros 3 tramos de sendas no estudo de Fomento da mobilidade sostible, en concreto, o primeiro tramo de dous quilómetros, xa en execución; o tramos que comprende os puntos quilométricos 4,150 ao 5,040m que acaba de someterse a información pública; e a conexión Aldea Buio coa Urbanización Monte Devesa, cun contrato de obras licitado o pasado 22 de marzo.

O delegado territorial na Coruña destacou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños se poidan achegar a pé cara ao centro urbano de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía. Estes itinerarios enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia que, nunha primeira fase, para a comarca de Santiago recolle a construción de 15 quilómetros de sendas, que suporán un investimento da Xunta de 3,7 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2017